A autoavaliación: o segredo para emprender con claridade

Centro de Emprendemento “A Estación” é un espazo multifuncional que alberga unha zona de traballo coworking para proxectos emprendedores e empresariais.

Emprender é un camiño cheo de ilusión, pero tamén de incertezas. Moitas persoas con proxectos brillantes acaban perdidas entre ideas sen saber se o que teñen en mente é realmente viable ou se están no camiño correcto. E aquí está unha das grandes verdades do emprendemento: a autoavaliación debe ser unha ferramenta estratéxica que permite analizar, medir e mellorar o noso modelo de negocio antes e durante a posta en marcha do noso proxecto.

En A Estación de Vedra, entendemos que emprender dende o rural require non só ideas innovadoras, senón tamén claridade sobre o que facemos, a quen nos diriximos e como podemos xerar valor no noso territorio. Por iso, nas nosas xornadas de dinamización apostamos por ferramentas prácticas como o Business Model Canvas e o Lean Canvas, dous aliados fundamentais para quen quere emprender con visión estratéxica e realista.


Por que é fundamental autoavaliarse?

A autoavaliación vai moito máis alá de preguntarse se temos unha boa idea. Trátase de medir as nosas capacidades, identificar fortalezas e debilidades, e comprobar se estamos ben encamiñados cara ao logro das nossas metas. Este proceso permite coñecer en todo momento se cumprimos co que esperamos de nós mesmos e descubrir oportunidades de mellora.

Non se trata de crear un extenso plan de negocios cheo de conxecturas que fracasará no primeiro contacto coa realidade, senón de traballar cunha metodoloxía visual e práctica que nos permita ver todo o proxecto nun simple golpe de vista.


Business Model Canvas: nove bloques para entender o teu negocio

O Business Model Canvas é un modelo visual desenvolvido por Alexander Osterwalder que permite ordenar as nosas ideas á hora de definir o modelo de negocio. Está estruturado en nove bloques que se distribúen en catro grandes áreas: os clientes, a oferta, a infraestructura e a viabilidade económica. Esta ferramenta resulta ideal tanto para emprendedores que comezan como para empresas consolidadas que buscan reinventarse.

Os nove bloques son:

  • Segmentos de mercado (a quen me dirixo)
  • Proposta de valor (que necesidades cubro)
  • Canles (como chego aos clientes)
  • Relacións cos clientes (que tipo de relación establecerei)
  • Fontes de ingresos (como gaño diñeiro)
  • Actividades clave (que actividades son necesarias)
  • Recursos clave (que recursos preciso)
  • Alianzas clave (quen son os meus socios estratéxicos)
  • Estrutura de custos (cales son os meus gastos principais)

O lado dereito do lenzo mostra todo o relacionado co cliente e a proposta de valor, mentres que o lado esquerdo recolle os recursos e actividades que fan posible entregar esa proposta.

Traballar co Business Model Canvas permite ter unha visión clara do modelo de negocio que se pode modificar facilmente grazas á súa simplicidade. Ademais, axuda a enfocarse nas necesidades a nivel global e non só no produto en si, pensando en como vendelo, que recursos se necesitan e os diferentes segmentos de clientes aos que nos diriximos.

Lean Canvas: o enfoque práctico para startups

O Lean Canvas é unha adaptación do Business Model Canvas creada por Ash Maurya, especialmente pensada para emprendedores e empresas emerxentes. Mentres que o Canvas tradicional pon o foco nos clientes e na proposta de valor, o Lean Canvas céntrase nos problemas e nas solucións , sendo unha ferramenta máis orientada a proxectos que necesitan adaptarse rapidamente ás necesidades do mercado.

Esta metodoloxía pon énfase nas métricas e no progreso do proxecto, arrincando coa definición do problema para buscar unha solución a través de canles e custos previstos. É especialmente útil para startups de base tecnolóxica ou proxectos innovadores que aínda están validando a súa idea de negocio.

O Lean Canvas substitúe algúns bloques por:

  • Problema
  • Solución
  • Métricas clave
  • Vantaxe competitiva

Ambos modelos, tanto o Business Model Canvas como o Lean Canvas, son ferramentas visuais que facilitan a comprensión e comunicación do modelo de negocio, e permiten a flexibilidade e adaptación a medida que o proxecto evoluciona. A elección entre un ou outro dependerá das características específicas do teu negocio e do momento no que te atopes.

A Rede Provincial: espazos especializados en emprendemento

Na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña ofrecemos recursos específicos e xornadas formativas sobre autoavaliación e mellora de modelos de negocio mediante o Business Model Canvas e outras metodoloxías similares. Cada espazo conta con programas de dinamización adaptados á realidade local, deseñados para proporcionar formación útil e orientada á mellora continua dos proxectos emprendedores da súa contorna.

Os nosos espazos son moito máis que lugares de traballo: son centros especializados en emprendemento que ofrecen acompañamento, mentoría e formación práctica para axudarche a converter a túa idea nun proxecto viable e sostible. Desde ferramentas de autoavaliación ata técnicas de xestión, networking e estratexias de crecemento, na rede atopas o apoio que necesitas para cada etapa do teu camiño emprendedor.

E ti, xa autoavaliaches o teu modelo de negocio? Se tes un proxecto en mente ou xa estás emprendendo e queres darlle un impulso estratéxico, a autoavaliación mediante ferramentas como o Business Model Canvas ou o Lean Canvas pode ser o primeiro paso para acadar a claridade que necesitas. Descubre o espazo máis próximo a ti en redecoworking.pel.gal.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *