A BUSCA DE EMPREGO E A IDENTIDADE PROPIA

Centro de Emprendemento “A Estación” é un espazo multifuncional que alberga unha zona de traballo coworking para proxectos emprendedores e empresariais.

Atopar unha vida profesional o máis satisfactoria posible non pode desligarse da necesidade de conciliar esa vida profesional coa vida persoal. As interdependencias entre as dúas son obvias e ineludibles debido ás interferencias que ocasionan desatender unha respecto á outra.

A idea dun proxecto de vida pode ser máis ou menos claro. Pode estar rodeada de vaguidades, incertezas e dúbidas; pero tamén está constituída por certezas (motivacións, intereses, coñecementos…).

A identidade propia

En termos amplos, a identidade ven definida por ser un conxunto de rascos propios dunha persoa ou colectividade que os caracterizan frente ás demais. A identidade é o que somos en tanto participamos e somos reflexo dunha cultura/sociedade. Esa identidade definenos como persoas.

O autocoñecemento é trascendental cando falamos de identidade persoal. Hai unha serie de preguntas que nos axudan a orientarnos nese proceso interno. Centrándonos máis no aspecto laboral, podemos preguntarnos.

• Que se me da ben? Que non se me da ben?

• Que me motiva? Teño vocación por algo?

• Como me vexo no futuro (ben a curto prazo, ben a medio ou longo prazo)?

• Onde me vexo traballando?

Estas e moitas outras preguntas constrúen un relato meditado de nós, e podémolo facer de maneira máis informal ou máis formal. Como diciamos, é mellor sempre poñer por escrito esta información, pois sérvenos de guía, pero tamén de rexistro ou recordatorio da reflexión feita, e no futuro poidamos voltar a ese documento/s e afrontar ordenadamente os procesos de mellora internos.

O medo sempre é un condicionante que limita os nosos actos. Focalizándonos nos procesos de busca de emprego, para perder ese medo existen ingredientes que conforman unha receita útil:

• Teño que estar preparada/o tecnicamente, grazas a coñecementos obtidos da experiencia, da formación, etc., pero tamén a nivel de actitude.

• Teño que estar informado/a. Ese será o seguinte punto de información: a investigación de mercado.

A investigación do mercado

Unha investigación nunca vai a cegas. No ámbito persoal partimos dunha hipótese de partida, que debe estar o máis clara posible. Esa hipótese é un propósito de vida, entendendo que esta idea comprende o aspecto laboral da mesma.

A investigación o que vai facer é proporcionar información que permita verificar ou corroborar esa hipótese, enriquecéndoa polo camiño.

Mediante a investigación captamos información, a analizamos e a sintetizamos. O seu obxectivo é servir de base e soporte á toma de decisións. Dise que a información é poder, pero -polo dito- sería máis adecuado dicir que é “para poder”, en concreto, tomar decisións.

Por tanto precisamos duns inputs que nos acheguen información. Estes inputs poden provir de nós mesmas/os, pero tamén deben provir do exterior, xa que esta será a forma de contrastar a información provinte de nós, con información provinte de estudos, informes, opinións doutros/as profesionais, etc.

• Se falamos de procesos de busca de emprego ou de mellora da capacitación persoal (formación de distintos tipos e formas), algo importante a ter en conta é que facerse preguntas sobre nós mesmas/os non quere dicir que só nos fagamos as cuestións a nós.

• É importante tamén engadir información sobre como nos ven a nós as demais persoas. Neste sentido, os aportes de xente da nosa contorna ou de certa confianza, poden abrirnos a mente a reflexionar sobre os efectos que producimos voluntaria o involuntariamente nos/as demais.

• Por tanto, debemos investigar “fóra de nós”, na nosa contorna. E atopamos gran cantidade de vías para facelo como, por exemplo:

◦ Lendo novas, estudos, informes ou outro tipo de información cualificada…

◦ Consultando libros ou revistas especializadas.

◦ Preguntando a profesionais.

◦ Preguntando a persoas relacionadas (ex: alguén que traballo no sector, ou alguén que estuda un ciclo formativo que “a priori” me interesa)

Unha análise crítica debe darlle cabida á información que nos gusta, pero tamén á que non nos gusta porque se afasta (ás veces, moito) do que pensamos.

Diagnóstico e a toma de decisións

Tomar decisións significa escoller entre dúas ou máis opcións para solucionar un problema ou para levar adiante unha determinada acción. Cando se toman decisións estas afectan tanto á forma de facer un traballo como aos resultados que se alcanzan.

A toma de decisións está encamiñada, neste punto do camiño, a elixir e determinar un modelo ou proxecto de vida (entendendo que a vida laboral e persoal debe conciliarse e, por tanto, inciden a unha na outra) que non só inclúe desexos, senón unha autoafirmación do que somos e podemos chegar a ser.

1) O diagnóstico

As decisións deben basearse no diagńostico interno (o que son e quero ser) e externo (o contexto).

Na práctica dos procesos de busca de traballo é común a utilización dunha ferramenta: o DAFO. Inda que se caracteriza moitas veces como unha análise, en realidade é máis unha práctica de síntese. A popularidade desta ferramenta non debe facernos esquecer da importancia dun diagnóstico aberto, nos termos expresados anteriormente.

O DAFO enfócase en 4 parámetros: debilidades (D), ameazas (A), fortalezas (F) e oportunidades (O) que teñen que ter sido detectadas previamente mediante unha análise rigorosa, para evitar que se convirtan en papel mollado. Os retos derivados deses catro bloques serían:

• tratar de minimizar ou eliminar as debilidades detectadas;

• impedir ou minimizar o impacto das ameazas;

• empregar as fortalezas como valor competitivo,

• e aproveitar as oportunidades existentes.

2) As decisións: os obxectivos

Varias das preguntas que nos formulamos (“para que” ou “como”) cobran forma de obxectivos coa súa resposta.

O modelo de vida do que partimos debe establecer unha serie de obxectivos: eses obxectivos que se quere alcanzar, e que se irán afinando polo camiño.

Para que un obxectivo quede definido correctamente hai que outorgarlle unha serie de cualidades, que indicamos.

3) As decisións: o modelo de vida

O modelo de vida teórico, desexado, que se estableza nesta fase debe ser definido claramente en canto a aspectos clave: de que quero traballar, onde (ámbito xeográfico, ámbito funcional, tipo de empresa), cando, con que condicións…

A partires de aquí comezan os procesos de busca de emprego. Eses aspectos serán os que se traten nas seguintes paradas relacionadas coa estratexia e planificación concreta a partir das cales o modelo de vida teórico busca materializarse, neste caso, mediante a incorporación laboral a unha empresa ou entidade, e o posterior desenvolvemento profesional nesa ou outra.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *