A formación como piar fundamental da Fusquenlla

Espazo de coworking ubicado no Concello de Moeche


1. Formación inicial co autoclave

Despois de que na última parte do ano 2024 A Fusquenlla aumentara o seu equipamento mellorouse considerablemente a parte dedicada a transformación e conservación agroalimentaria. Entre outros equipos adquiridos destacan un autoclave, unha envasadora, un muíño para a froita, un cocecremas, unha lavadora-centrifugadora de verduras ou unha máquina de baleiro. Ademais tamén se incorporou toda a maquinaria que faltaba para facer posible a entrada en funcionamento da liña de extracción e envasado do mel.

Unha das novidades máis destacadas é o autoclave, fundamental para a esterilización das conservas e para axilizar o proceso de elaboración. Por este motivo, as persoas usuarias que fixeron o curso de capacitación da Fusquenlla tiveron que realizar unha formación teórica de tres horas de duración para iniciarse no manexo deste equipamento. O pasado 03/12/2024 realizouse esta formación na Casa da Cultura impartida por Andrés Sobrido Troncoso, responsable de Alserco S.L., a empresa pontevedresa especializada en maquinaria para a industria alimentaria que fabricou á medida o autoclave instalado na Fusquenlla. Ademais de falar sobre o propio equipamento tamén explicou como inciden os microorganismos nas conservas, os seus posibles efectos prexudiciais para a saúde e como estes se poden previr aplicando tratamentos térmicos no proceso de elaboración. Na parte final desta actividade formativa vironse detalles máis específicos do funcionamento do autoclave e, sobre todo, as precaucións e medidas de seguridade que se deben ter en conta.

As persoas que participaron nesta formación teórica tamén puideron, ao día seguinte, ter un primeiro contacto en persoa co autoclave.

2. Formación para o coñecemento do novo equipamento

Antes de rematar o 2024 tiveron lugar na Fusquenlla outras xornadas de formación, meramente prácticas, organizadas co obxectivo de coñecer o manexo do novo equipamento instalado no Centro. As sesións, dunha duración de cinco horas cada unha, foron dirixidas a persoas que xa fixeron con anterioridade algún dos cursos de capacitación que lles permiten acceder como persoas usuarias ás instalacións da Fusquenlla. Un total de medio cento destas persoas usuarias asistiron a estas xornadas.

Estas actividades formativas versaron sobre o funcionamento de novos equipos como o cocecremas, a nova trituradora para zumes, a lavadora-centrifugadora de verduras, a máquina deshidratadora para a desecación de vexetais, a máquina de baleiro, a dosificadora de precisión e, o novo corazón da cociña, o autoclave que ocupou boa parte do plan formativo.

3. O cartucho de Nadal aumenta o protagonismo da Fusquenlla

O Concello de San Sadurniño entregoulle ao persoal durante nas datas previas ao Nadal o tradicional lote de produtos de Nadal. Un detalle que vén repetíndose desde hai anos e que, ademais, forma parte dos acordos acadados na negociación colectiva coas traballadoras e traballadores municipais. Nesta ocasión tratouse dunha caixa cargada de viandas variadas que comparten dúas características principais: son produtos da máxima calidade e todos eles de proximidade. No lote inclúense varias elaboracións saídas das instalacións da Fusquenlla.
Catro dos dez artigos incluídos no cartucho son produtos que foron elaborados nas instalacións da Fusquenlla. O ano pasado eran tres as delicadezas feitas no centro de transformación agroalimentaria e este ano xa hai un produto máis, sinal de que pouco a pouco o proxecto está empezando a dar os seus froitos.

4. A Fusquenlla na campaña de promoción do comercio e os servizos de San Sadurniño “Polo Nadal, consumo local”

O salón de plenos do Concello acolleu o sorteo dos lotes de produto da campaña de promoción do comercio e os servizos de San Sadurniño “Polo Nadal, consumo local”. Unha iniciativa que volveu ser todo un éxito de participación, con máis dunha trintena de establecementos implicados que, en conxunto, repartiron uns 200 talonarios (20.000 papeletas) entre a súa clientela; sendo 94 correspondentes a compras por un valor inferior a dez euros (de cor azul) e 106 con papeletas por compras superiores a esa cantidade (de cor rosa). Este reparto supuxo que foran entregados cincuenta talonarios máis que na campaña do Nadal 2023 e, ademais, este ano por primeira vez repartíronse máis boletos de cor rosa, que eran os das compras de maior importe.

Repartíronse un total nove premios, consistentes en seis cestas valoradas en 70€ cada unha e outras tres cun valor unitario de 140€. Á marxe do seu valor económico, todas as cestas son de produto galego, comarcal e local, da máxima calidade, co que esta campaña de apoio ao comercio e os servizos de San Sadurniño tamén é unha maneira de apostar pola produción excepcional que temos máis preto, como é o caso das elaboracións que están saíndo da Fusquenlla e que tamén forman parte das cestas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *