Centro de Transformación Agroalimentaria dos municipios de Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Valdoviño, Narón, Cedeira e As Pontes
A Fusquenlla na xornada “Os Concellos galegos: un papel fundamental na alimentación local sostible”
A Rede de Municipios pola Agroecoloxía é unha entidade que agrupa entidades locais de todo o Estado comprometidas coa busca de alternativas produtivas respectuosas co ambiente e sostibles desde o punto de vista económico e social. Esta Rede e o Concello de Allariz organizaron unha xornada para analizar o rol que os municipios poden desenvolver para garantir a sostibilidade na alimentación vinculada ao produto local e aos axentes do seu territorio. Nesta xornada estiveron presente o Concello de San Sadurniño representado por Raquel Piñeiro, concelleira de Axenda 2030 e Participación veciñal, e por Manolo Varela, concelleiro da área de Desenvolvemento local. Outros concellos participantes deste encontro foron os de Ames, A Pobra, Allariz, Ribeira, A Teixeira, Lugo, Tomiño, Brión, Vegadeo e Vilardevós.
Este evento permitiu reunir a persoas, entidades e institucións interesadas e sensibilizadas coa produción, a transformación, a comercialización e o consumo de alimentos locais, con vistas á sostibilidade social, ambiental e económica.
O Concello de San Sadurniño, na mesa adicada aos consistorios, expuxo mediante Raquel a súa traxectoria nos proxectos vinculados directamente á terra e á posta en valor do sector primario. Unha boa parte desta intervención estivo orientada ao proxecto A Fusquenlla como unha aposta decidida polas nosas potencialidades e pola soberanía alimentaria. Tamén abordaron outras cuestións como as dificultades e oportunidades que se presentan para a posta en marcha de políticas alimentarias locais e de proximidade.
Reunión de membros da Fusquenlla para avanzar no proxecto
O pasado 22 de agosto de 2024 celebrouse na Casa da Xuventude do Concello de San Sadurniño unha reunión de persoas usuarias da Fusquenlla co obxectivo de informar dos traballos realizados e dos traballos pendentes do Centro para avanzar no proxecto. As persoas asistentes puideron interaccionar activamente na reunión plantexando aquelas cuestións que eran do seu interese.
Froito desta reunión adoptáronse unha serie de acordos de carácter operativo, como por exemplo: na xestión de consultas ante dúbidas ou nas solicitudes de uso de obrador, para que as persoas usuarias accedan con facilidade aos servizos que ofrece o Centro.
Esta reunión foi moi exitosa xa que permitiu complementar información que xa se transmite habitualmente mediante o frecuente contacto coas persoas usuarias con aplicativos de mensaxería ou mediante nubes dixitais de onde se almacena información útil. Tamén permitiu estreitar lazos entre as persoas asistentes á reunión debido a que puideron intercambiar impresións e experiencias persoalmente.
Visita do Laboratorio Ecosocial do Barbanza á Fusquenlla
O pasado 27de agosto de 2024 o Laboratorio Ecosocial do Barbanza visitou A Fusquenlla coa intención de aprender das súas experiencias e establecer unha rede de coñecemento sobre a xestión sustentable do territorio. Este Laboratorio naceu para facilitar o cambio a un modelo multifuncional dos montes do Barbanza, e para impulsar a transición cara a sustentabilidade ambiental e a resiliencia do territorio ante os lumes forestais que a rexión sofre con frecuencia. É un proxecto que integrado pola Fundación RIA (entidade coordinadora), a Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e os grupos de investigación Histagra e Uxafores), a Universidade Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.
A visita foi liderada, por unha parte, polo Concello de Moeche mediante a súa alcaldesa, Beatriz Bascoy, e a concelleira Cristina García e, por outra parte, polo Concello de San Sadurniño medianet o concelleiro Manolo Varela. Esta visita foi tamén arroupada por unha representación da Deputación da Coruña mediante a deputada da Área de Emprego, Rosa Ana García e pola Xefa da sección de Coordinación de Proxectos Técnicos no Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica, Luisa Lista Ameneiro. O xerente do GDR Seitura 22, Miguel Teixido, tamén estivo nesta comitiva.
As persoas visitantes foron o presidente da Comunidade de Montes de Baroña, Ovidio Queiruga, o presidente da Plataforma pola Defensa do Monte, Rafael Saco, e o persoal contratado do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO).
Mentras se realizaba unha visita ás instalacións da Fusquenlla estableceuse un diálogo fluido entre as persoas asistentes en asuntos relacionados tanto en aspectos conceptuais do Centro coma a loxística propia dun espazo colaborativo de uso compartido. O intercambio de impresións e de coñecementos que foi moi enriquecedor para todas persoas presentes.