A Fusquenlla xenerando interese na poboación

Espazo de coworking ubicado no Concello de Moeche

A formación como eixo angular da Fusquenlla

As actividades formativas son un piar fundamental no ámbito da Fusquenlla. Debido a isto celébranse accións de formación con certa periodicidade xa que a formación permite evolucionar este proxecto. Este verán procedeuse á entrega duns diplomas na nave do Mercado de Moeche despois da finalización dun curso de capacitación para o manexo dos equipamentos instalados no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Nesta quenda formativa, de 15 horas en total, participaron 24 persoas que adquiriron coñecementos sobre seguridade, hixiene e tratamentos térmicos dos alimentos. Ter feito e superado este curso é imprescindible para converterse en persoa usuaria principal do centro. Con esta nova edición do curso son xa 70 as persoas acreditadas para transformar os seus produtos nas instalacións situadas no recinto feiral de Moeche.

A formación proseguíu na Casa da Xuventude de San Sadurniño co desenvolvemento dunha sesión formativa específica para persoas acompañantes das produtoras principais. A actividade, cun enfoque práctico e contidos reducidos, céntrase especialmente no manexo seguro dos aparellos e nas tarefas auxiliares como a carga e descarga de produtos ou a limpeza do obrador. O curso tivo un límite de dúas persoas acompañantes por cada produtora acreditada. A intención do proxecto A Fusquenlla con esta formación para axudantes é facilitar o traballo colaborativo e garantir unha mellor organización nas sesións de elaboración, sobre todo no caso das produtoras e produtores de autoconsumo.

Foto: parte do alumnado do curso de capacitación cos seus diplomas diante a Fusquenlla

Traballando hacia a autoxestión da Fusquenlla

Un total de 22 persoas usuarias da Fusquenlla déronse cita na Casa da Xuventude do Concello de San Sadurniño nunha xornada do Laboratorio de Innovación Rural organizada pola consultora Implicatum co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).

A xornada comezou cunha presentación conxunta e continuou con traballo en grupos. As persoas participantes puxeron en común ideas para potenciar o uso da Fusquenlla como espazo compartido que permite elaborar produtos agroalimentarios e impulsar novas iniciativas. Isto serviu para dinamizar o grupo e mellorar a súa capacidade organizativa de cara a avanzar cara a un modelo autoxestionado do proxecto e reforzar as sinerxías entre as produtoras e produtores que usan as instalacións.

A participación neste Laboratorio de Innovación Rural é, en certa maneira, dar un paso máis na súa formación, centrada ata o momento en aspectos técnicos da maquinaria e nos procedementos que se deben seguir para garantir a seguridade alimentaria.

Foto: momento da xornada do Laboratorio de Innovación Rural

A Fusquenlla presente na XVI Feira Rural


O pasado 30 de agosto celebrouse no lugar da Cortiña a decimosexta edición da Feira Rural onde a Fusquenlla estivo representada polas marcas “Ay!Carmen.” e “Bieiteiras” que operan no seu obrador. O obxectivo de ter un stand da Fusquenlla nunha feira que recibe a multitude de persoas é a de dar coñecer estas iniciativas empresariais que se basean en produtos de proximidade compatible con modos de produción de alta calidade e sostibles.


Foto: momento da visita á Fusquenlla coa xornada de portas abertas

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *