
Espazo de transformación alimentario de Baroña, en Porto do Son.
A Comunidade de Montes de Baroña é propietaria dun local de 108 metros cadrados de superficie que ocupa a totalidade dunha edificación de planta baixa actualmente con uso de almacén/usos agrícolas e en parte como pequeno centro de transformación, para o que conta con rexistro sanitario desde o ano 2020. Forma parte dunha serie de edificacións, en solo rústico de protección forestal, na contorna da antiga Casa Forestal de Baroña. Dito local foi cedido á Asociación Baroña para transformalo nun Centro de Transformación
Colaborativo de produtos cárnicos, así como para que levara a xestión de dito espazo. Na actualidade no Centro de Transformación Colaborativo Alimentario de Baroña estanse realizando unha serie de obras e melloras para poder adaptar os diferentes espazos ás necesidades dos seus usuarios, gracias a análise que se fixo durante o ano pasado a diferentes ganderías da zona para ver que tipo de animais se están a criar nos nosos montes, o volume de produto con posibilidade de ser transformado no centro, os servizos e loxística precisos para garantir a trazabilidade, ou mesmo que produtos finais se poderían elaborar ou transformar no centro.
Tamén se analizaron as necesidades ou gustos dos posibles consumidores ou a demanda actual e futura sobre os diferentes produtos que se poderían facer no centro de transformación, podendo así adaptar a maquinaria dun xeito máis eficiente.
Gracias a este traballo de investigación identificouse co obxectivo promover a sustentabilidade das pequenas explotacións gandeiras facilitando a produción asociativa de alimentos frescos e transformados de orixe animal, cumprindo coa normativa sanitaria, valorizando a calidade e a diversidade das producións locais que
demanda unha sociedade que consume cada vez máis san e de xeito responsable.
Co fin de acadar este obxectivo, plantéxase a creación dun espazo colaborativo que dispoña de rexistro sanitario orientado á transformación de materias primas de orixe animal en produtos elaborados para a súa posterior comercialización por parte das persoas produtoras, dirixida tanto a consumidores/as directos
(particulares, restaurantes ou comedores escolares) como indirectos (tendas, comercio local de proximidade, supermercados…)

A distribución do espazo
O espazo está dividido en diferentes zonas que dan respostas ás diferentes necesidades:
Entrada Materias Primas:
Zona de recepción e almacenamento das materias primas que virán directamente do matadoiro por medio de vehículos refrixerados para o control da temperatura. Esta zona sitúase no centro do edificio para dar servizo ás dúas liñas de produción e conta cunha cámara de frío para a conservación do produto previo á elaboración e/ou transformación.
Obradoiro de elaboración de produtos cárnicos:
É un dos espazos centrais do proxecto, onde se vai desenvolver a actividade de elaboración de produtos cárnicos: carne picada, hamburguesas, embutidos (chourizos, salchichóns, criollos, etc), zorza, pinchos morunos, brochetas de carne, albóndigas, cachopos, etc..
Este espazo será unha zona fría climatizada e contará con toda a infraestrutura e maquinaria específica para a preparación e conservación do produto.
Obradoiro de transformación de derivados da carne:
Este é o outro espazo central do proxecto, onde se van realizar os traballos de transformación de produtos derivados da carne: conservas de carne con vexetais, con cogumelos, callos, fabada, lasañas, etc.
Este espazo estará equipado con zona de cociña e con maquinaria específica como por exemplo un autoclave para a conservación final do produto.
Secadoiro:
Espazo complementario ao obradoiro de elaboración de produtos cárnicos para o secado dos embutidos.
Oficina/almacén de mostras:
Habilítase un espazo como oficina onde ter o equipamento e material necesario para o control sanitario da instalación: fichas de recollida de datos a cubrir polas persoas traballadoras en cada unha das elaboracións que realicen na instalación.
Este espazo utilizarase tamén para gardar as mostras dos produtos elaborados de cara ao control sanitario dos mesmos.
Vestiarios/baños:
Faranse dúas zonas de baños e vestiarios para a entrada das persoas elaboradoras de xeito independente a cada unha das zonas de traballo, evitando así a contaminación cruzada.
Unha vez se deixa a mercadoría na entrada de materias primas, as persoas elaboradoras dirixiranse polo exterior á súa zona de vestiarios, dependendo de que obradoiro vaian utilizar. Desde os vestiarios é a entrada directa a cada unha das zonas de traballo.
A importancia deste proxecto pon de manifesto o seu carácter innovador no sector agro-gandeiro ao non existir na actualidade en Galicia ningún centro público de transformación de produtos cárnicos, ademais de ofrecer un servizo tanto á comunidade como a outras comunidades e produtoras veciñas. Desta forma, dáselle a oportunidade a pequenos produtores de transformar os seus propios produtos sen facer grandes investimentos, xerando valor engadido nos mesmos e supoñendo unha renda complementaria ás súas actividades ordinarias.

