As instalacións da Fusquenlla como protagonistas

Espazo de coworking ubicado no Concello de Moeche


1. Celebración da Rede Coworking Fest 2024


Os once espazos que integran a Rede Provincial de traballo compartido da Deputación da Coruña acolleron dende o 16 ata o 22 de setembro o denominado Rede Coworking Fest. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o emprendemento local, dar a coñecer os servizos que a Rede de Coworking da Deputación ofrece ao emprendemento da provincia en cada un dos seus espazos, fomentar as sinerxias e redes de contacto que permitan crecer ás empresas e apoiar aos sectores clave na provincia. Programáronse varios eventos e actividades para dar a coñecer as instalacións e servizos de cada un dos centros, pero tamén para continuar promovendo o emprendemento como opción laboral.

É habitual que, polas características da Fusquenlla, se realicen con certa frecuencia visitas guiadas ás súas instalacións ao longo do ano por persoas ou grupos delas que mostran interese polo proxecto. Recentemente recibiu a visita de persoas pertencentes á Corporación Municipal do Concello de Neda e tamén recibiu a visita dunha persoa pertencente ao municipio de Silleda relacionada coa produción da castaña e outras froitas que ten intención de volver con máis persoas.

No caso da Rede Coworking Fest 2024 houbo unha xornada de portas abertas durante o 20 de setembro en horario de mañá.


2. Presenza da Fusquenlla na I Feira de Economía Social Agroalimentaria

O pasado 28 de setembro celebrouse na Alameda Suances de Ferrol a I Feira de Economía Social Agroalimentaria organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Esta feira tivo como obxectivo dar visibilidade e promover proxectos que están a transformar o panorama do sector agroalimentario galego no marco da economía social. Entre as principais actividades destacaron as charlas didácticas, que ofreceron unha oportunidade para coñecer de primeira man diferentes aspectos do sector agroalimentario, a degustación de diferentes tipos de queixos, meles, viños ou licores e a realización de demostracións culinarias.

Este evento reuniu a algúns profesionais do sector, en representación de sociedades cooperativas, confrarías do mar, asociacións de persoas produtoras e outras entidades que conforman este colectivo. A Fusquenlla estivo representada nesta feria por dous proxectos de empredemento: un deles foi o de Ay! Carmen. liderado por Carmen Caínzos que destaca pola elaboración do tomate confitado, mermeladas de tomate e de fresa e as súas limoadas; o outro proxecto foi o de Bieiteiras, liderado por Cynthia Arias que destaca pola elaboración de mermeladas de tomate, de pexego e mazá, o tomate para untar, o paté de berenxena, a cebola caramelizada e o zume de mazá.

3. Novo equipamento para a Fusquenlla

Coa finalidade de dar unha ampla operatividade ao Centro solicitáronse dúas axudas para a subministración de equipamento e mobiliario, unha delas foi ante a Deputación da Coruña.

Coa adquisición destes novos equipos A Fusquenlla acada un importante salto cualitativo e cuantitativo na súa transformación agroalimentaria. Entre eles destacan, entre outros, o autoclave, que permite realizar unha pasteurización e cocción máis rápido, aforrando unha grande cantidade de agua e enerxía, ou o cocecremas que permite a elaboración de produtos alimentarios que requiren unha temperatura controlada e un removido constante.

4. Xornadas “Apostando polo sector primario”

As pasadas datas 8, 15 e 16 de novembro celebráronse na Casa da Xuventude de San Sadurniño unhas xornadas co obxectivo de abordar a reactivación do rural ademais de analizar algunhas das claves para avanzar na sostibilidade e na soberanía alimentaria. Estas xornadas foron organizadas polo Concello coa colaboración da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, a Casa do Mel e a AGFA do Eume.

As xornadas comezaron cunha sesión sobre o “Envasado e comercialización de produtos apícolas”, impartida polo apicultor e técnico da Casa do Mel Iago Vilela. Esta charla ofreceu información sobre as posibilidades económicas do mel e doutros produtos das abellas (pole, própole, xelea, cera) ademais de abordar a normativa reguladora, o etiquetado, a presentación e as estratexias para posicionar no mercado un produto diferenciado que teña boas perspectivas comerciais. Ao rematar, as persoas asistentes puideron visitar o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, xa que que conta cun espazo específico para a extracción e transformación de produtos apícolas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *