Colaborando 5 anos

Espazo de coworking ubicado no Concello de Brión, especializado na transformación.

O espazo colaborativo de Brión cumple 5 anos de funcionamento neste decembro de 2024.

Rematando o 2024 facemos avaliación e o que nos din as cifras é que somos 201 persoas formadas para elaborar alimentos en conserva vexetais (froitas e hortalizas) e alimentos doces e salgados con cereais, representando as mulleres un 81% do grupo.

Nestes 5 anos de percorrido no espazo colaborativo, 32 persoas teñen proxectos produtivos no mercado e 4 están en período de probas (preincubación); dos 36 proxectos produtivos, 24 son liderados por mulleres e 12 por homes.

Se sumamos algúns dos proxectos que se incubaron e xa se independizaron das instalacións de Brión, contaríamos un total de 52 proxectos impulsados desde o coworking.

O último trimestre do 2024 presentouse no ESPAZO COLABORATIVO “TRANSFORMANDO EN BRIÓN “ como o resumo de moitas colaboracións entre persoas, entidades, empresas… con ideas, ilusións, aprendizaxes, propostas, retos… e, sobor de todo, como a constatación de que medramos amodiño para recoller a moitas persoas neste camiño común, neste espazo común .

Van unhas pinceladas:

As elaboracións de produtos por parte das coworkers nas 2 cociñas (vexetais e masas) que forman parte do espazo ampliáronse, tanto en variedade como en procedencia xeográfica, e así saíron produtos novos ao mercado como o PAPAXÁN (elaborado con chaiotas, cacao e azucre), pensado para que os nenos e nenas podan levar nas súas mochilas un superalimento bebible.

Ampliando ámbito xeográfico do servizo, tivemos novas emprendedoras de Cambre, de Ortigueira, de A Estrada, de Ribadeo… que sempre remarcan e agradecen a oportunidade que lles supón a Rede de Espazos colaborativos da Deputación de A Coruña

Nos meses de outubro e novembro desenvolveuse un novo CURSO DE FORMACIÓN, para que 8 novas usuarias e empresas podan elaborar produtos nas cociñas colaborativas, tanto na línea de ELABORADOS CON MASAS como na de CONSERVAS VEXETAIS CON FROITAS E HORTALIZAS.

Organizouse o COWORKING FEST, do 2 ao 22 de setembro, con XORNADA DE PORTAS ABERTAS NAS NOSAS HORTAS, CHARLA “ARTESANÍA ALIMENTARIA”, FORMACIÓN EN COOPERATIVISMO e como colofón unha FEIRA LABREGA na que entre 27 postos totais, participaron 12 postos das coworkers de Brión, que incidiron e promocionaron as relacións de proximidade e confianza entre elaboradoras, produtoras e consumidoras, ademais de dar a coñecer o espazo colaborativo para outras posibles operadoras e para o público xeral consumidor

Por outro lado, participouse de varias feiras e eventos, organizados por outras entidades/concellos que requiriron da presencia da Asociación DARREDOR como grupo que reúne ás elaboradoras do coworking, para degustar, promocionar,expoñer, difundir, formar, elaborar, discutir… iniciativas posibles en outros espazos que miran o coworking como unha posibilidade na que emprender e promover economía local:

11 de novembro: cata de produtos doces do outono na FEIRA DO SAN MARTIÑO DE TEO

21 de novembro: Xornada formativa impartida sobre Transformación Agroalimentaria do “Programa Terralimenta”, iniciativa promovida pola Fundación Daniel y Nina Carasso, en colaboración con Red2Red para traballar o tema da transformación agroalimentaria e a pequena industria agroalimentaria en obradoiros compartidos, como eixe clave nas economías locais do medio rural.

Participamos na mesa redonda ”Aprendizaxes desde as voces das mulleres”organizada pola USC e a Fundación Juana de Vega en Lugo o 5 de decembro 2024

Por último, a finais de novembro botamos a andar un novo proxecto colaborativo emanado do coworking de Brión co obxectivo de comercializar en común as producións frescas e transformadas, en alianza con unha serie de consumidoras públicas e privadas para tratar de establecer un SISTEMA TERRITORIALIZADO DE ALIMENTOS (SAT)

No plano de novas infraestruturas, estanse facendo probas con maquinaria adquirida para o espazo coa finalidade de ampliar a gama de produtos (vexetais deshidratados e zumes de cítricos).

E seguimos…..

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *