
Espazos de traballo colaborativo da rede provincial en As Pontes.
Chega setembro e con el o fin das vacacións e o inicio do curso, non só para o alumnado se non tamén para a sociedade en xeral. Voltamos as rutinas, pero cunha motivación extra, o ano está a piques de rematar e non queremos fallar a eses propósitos que nos fixemos en xaneiro, setembro representa o último pulo para alcanzar as expectativas fixadas.
No caso do emprendemento, setembro representa un mes idóneo para comezar un novo proxecto, reformular plans e estratexias, fixar novos obxectivos, etc. Por todo iso cremos que os coworkings debemos estar preparados captar ese extra de motivación cara os nosos espazos.
Aínda que sabemos que os espazos de coworking consolidáronse como espazos estratéxicos para o emprendemento e a innovación, sabemos que atraer talento emprendedor é moi difícil, non consiste só nunha cuestión de ofrecer un escritorio, unha wifi, etc, require construír un entorno que inspire, conecte e potencie o desenvolvemento de cada profesional. Por iso, é preciso implementar unha serie de medidas que nos transformen en espazos máis atractivos:
1. Crear un ambiente inspirador e flexible
O talento busca espazos que fomenten a creatividade e a colaboración. Deseñar oficinas luminosas e abertas que se adapten a diferentes estilos de traballo crea un ambiente no que os emprendedores se sintan cómodos e motivados. Ademais, a inclusión de áreas de networking, salas de reunións equipadas e áreas de descanso axuda a equilibrar a produtividade e o benestar.
2. Fomentar a formación e a aprendizaxe continua
Os programas de formación, os obradoiros prácticos, as charlas de expertos e a mentoría non só enriquecen os coñecementos dos emprendedores, senón que tamén atraen a aqueles que buscan crecemento profesional. A oportunidade de aprender constantemente dentro dun espazo de coworking convértese nun incentivo clave para establecerse nun espazo.
3. Promover a comunidade e a colaboración
O talento emprendedor valora os espazos onde se poidan compartir experiencias, xerar sinerxías e colaborar en proxectos conxuntos. As actividades de networking, os almorzos temáticos, as visitas a empresas ou os grupos de traballo específicos do sector fortalecen a comunidade e crean un sentido de pertenza que vai máis alá do espazo físico.
4. Innovación e visibilidade para os proxectos
Os emprendedores queren que as súas ideas sexan vistas e apoiadas. Facilitar a exposición dos seus proxectos a través de eventos, feiras locais, as plataformas dixitais da asociación ou colaboracións con outras empresas, atrae talento con ambición e visión. Ademais, os espazos de coworking poden converterse en aceleradores de iniciativas que teñan un impacto social positivo.
5. Integrar un propósito social
Hoxe en día, o talento non só busca o éxito económico, senón tamén xerar un impacto positivo na comunidade. Os espazos de coworking que apoian proxectos con valor social, sustentabilidade ou desenvolvemento local son máis atractivos para os emprendedores conscientes e comprometidos.
O Green Coworking combina innovación, formación, colaboración e propósito social que non só fortalece o empresariado local, senón que tamén tenta atraer talento emprendedor de fóra.


