Coworking e turismo na Pobra do Caramiñal

Espazo de coworking ubicado no Concello da Pobra do Caramiñal.


Os postos nómades substitúen os postos fixos

A versatilidade do Coworking da Pobra permite adaptar a tipoloxía de postos, fixos ou nómades, segundo as necesidades das persoas usuarias. Cando chega o verán, auméntanse as usuarias nómades que ocupan os espazos das persoas que aproveitan o verán para coller vacacións.

Aínda que no regulamento interno só constan dous postos nómades, durante este verán tivéronse que aumentar a catro os postos que se puxeron a disposición de persoas que decidiron facer da Pobra o seu lugar de vacacións e de traballo.

O Coworking é, polo tanto, un valor engadido para as persoas que deciden escoller A Pobra como lugar de vacacións, permitindo así captar novas usuarias para o espazo.

Este foi o caso de Lucía, Javier, Catherine e David, as catro persoas que se achegaron á Pobra dende Ourense, Elche, Alemaña e Portugal. Os catro lideran proxectos empresariais que van dende consultoría en enxeñerías renovables ata unha academia de inglés online ou asesoramentos fiscal e financeiro.

Unha das preguntas que se lles fixo a todas as persoas que solicitaron espazo foi como se enteraran da existencia do Coworking e en todos os casos a resposta foi que buscaron “coworking” en Internet.

Aínda que non é recomendable utilizar anglicismos cando no idioma propio temos palabras que significan o mesmo, en casos coma este, a utilización da palabra “coworking” en lugar de “espazo de traballo colaborativo”, favoreceu que as persoas nos atoparan buscando en Internet.

Unha grata sorpresa para todas estas persoas foi decatarse de que se trata dun espazo público para apoiar o emprendemento, a consolidación empresarial ou a socialización e intercambio de información con outras persoas que, coma neste caso, comparten un mesmo espazo de traballo.


Anfitrións e visitantes

Como non todas as persoas que ocupan postos fixos están de vacacións, promoveuse que foran elas as que fixeran de anfitrioas das persoas visitantes que ocuparían os postos nómades.

Así foi como se estableceu unha instrución de benvida que empeza por amosar as instalacións e os procedementos para a reserva de espazos e outras normas de funcionamento e convivencia. O feito de contar cun pequeno office dotado de cafeteira, neveira, microondas… resulta moi útil para poder ofrecer froita, doces e un café de benvida cando se achegan por primeira vez ao espazo e animar a crear unha atmosfera agradable onde se colabora e comparte o que hai no Coworking e o que se trae da casa.


Conclusións

A dinamización do espazo a través da utilización dos postos nómades, debe ser compatible co obxectivo de promover o emprendemento local. Por iso é importante manter o equilibrio entre a dinamización do espazo con persoas doutras provincias, comunidades autónomas ou países, e a utilización do espazo por parte da poboación local.

Para fixar poboación no territorio é importante estimular o espírito emprendedor da poboación local e dar a coñecer o Coworking como un espazo onde asesorarse e establecer o posto de traballo.

En canto á utilización do Coworking en verán, o obxectivo a longo prazo sería a prolongación da estancia e, de ser o caso, facilitar que as persoas se instalen a vivir no concello ou na comarca.

Para atraer poboación, segue a haber un problema mentres os/as propietarios/as de vivendas baleiras prefiran alugar a vivenda en verán fronte ao aluguer anual.

Outro dos aspectos a analizar sería o de permitir o teletraballo para aquelas persoas que teñen vivenda na Pobra, pero que por cuestións laborais teñen que vivir fóra. Este é un debate aberto, dado que o Coworking como espazo municipal non permite a ocupación dos postos a persoas traballadoras por conta allea.

Atracción de teletraballadores/as por conta allea vs Estímulo do espírito emprendedor entre a poboación local

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *