
Espazo de coworking ubicado no Concello de Boiro.
A palabra emprender vai máis alá da simple creación dun negocio. Hoxe en día, o emprendemento consciente cobra un valor especial, xa que implica integrar principios de responsabilidade social empresarial (RSE), sostibilidade e economía circular en cada paso que damos. Desde o Lab Barbanza, apostamos por proxectos que non só procuren o beneficio económico, senón que tamén contribúan positivamente ao noso entorno social e ambiental.
O concepto de emprendemento consciente invítanos a reflexionar sobre o impacto das nosas accións, tanto a nivel empresarial como persoal. Ser consciente significa ter en conta como o noso proxecto pode mellorar o tecido social, protexer os recursos naturais e garantir un futuro máis sostible para todos. Neste contexto, a economía circular emerxe como un modelo clave, onde a redución de residuos e o reaproveitamento de materiais son eixos fundamentais para un desenvolvemento equilibrado e respectuoso co medio.

A importancia da educación
Un aspecto esencial no fomento dun emprendemento responsable é a colaboración entre os coworkings e os centros educativos. En Lab Barbanza, cremos firmemente que a sensibilización nas xeracións máis novas é crucial para garantir un futuro de emprendedores/as que integren estes valores nos seus proxectos dende o inicio. A través de iniciativas conxuntas con centros educativos da comarca, traballamos para transmitir ás novas xeracións a importancia de emprender con conciencia, adaptándose aos retos globais actuais e futuros.
Un exemplo desta colaboración educativa tivo lugar coa visita do alumnado do IES Espiñeira de Boiro ás instalacións do Lab Barbanza. As rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o viveiro de empresas e o coworking deste centro de emprendemento, ao tempo que participaron en actividades deseñadas para sensibilizar sobre o emprendemento consciente.

O Campus de emprendemento consciente no Lab Barbanza
Os campus de emprendemento combinan sesións en aula con visitas a empresas de referencia. Nesta ocasión a visita foi ao Lab Barbanza e un dos momentos clave da xornada foi o taller “Emprendemento e economía circular”, impartido por Alba Fernández, responsable do coworking A Maceta (Muros). Cun enfoque práctico e participativo, o taller serviu para que o alumnado entendera o significado e a diferenza entre a economía lineal e a economía circular, proporcionando exemplos aplicados ao mundo da empresa. Esta experiencia permitiu que os estudantes adquiriran unha visión máis completa de como os modelos de negocio sostibles poden reducir o impacto ambiental e xerar valor a longo prazo.
Ademais, o alumnado participou na actividade “café con”, onde nesta ocasión o protagonista foi Vinicius de Monte, socio de Orixe Salgada, unha das empresas usuarias do viveiro de empresas do Lab Barbanza. Vinicius compartiu a súa traxectoria emprendedora e explicou o seu proxecto empresarial, que consiste en fabricar bioestimulante para cultivos a partir das algas que chegan ás praias, resolvendo así un dos problemasda actividade marisqueira. A súa intervención ilustrou claramente como un proxecto emprendedor pode ter un impacto positivo tanto no medio ambiente como na economía local.
O cambio cara a unha economía máis xusta e sostible empeza coas pequenas accións de cada emprendedor e empresa. Fomentamos o traballo colaborativo, o intercambio de ideas e a formación continua, para que os proxectos que nacen no noso espazo sexan exemplos de emprendemento consciente e responsables coa súa contorna.