Espazo A Proa reúne en Ames ao ecosistema emprendedor durante a Startup Europe Week

O Espazo A Proa converteuse o pasado 26 de maio nun dos escenarios galegos da Startup Europe Week (SEW), o maior movemento internacional de apoio ao emprendemento local, cunha xornada de portas abertas e unha charla que reuniu persoas emprendedoras, empresas, técnicos e representantes institucionais comprometidos co desenvolvemento económico do territorio.
Durante a celebración da Startup Europe Week, o Espazo A Proa abriu as súas portas para achegar o emprendemento á cidadanía e demostrar que un coworking é moito máis ca un lugar onde instalar un ordenador.
As persoas participantes puideron coñecer de primeira man como funciona un espazo colaborativo, descubrir os recursos dispoñibles para impulsar os seus proxectos e participar nun encontro no que se compartiron experiencias reais sobre os retos de emprender, falando con naturalidade dos erros, das aprendizaxes e da importancia de contar cunha rede de apoio.
Porque emprender non consiste unicamente en desenvolver unha boa idea. Tamén implica atopar persoas coas que intercambiar coñecemento, resolver dúbidas e crear sinerxías que,
moitas veces, rematan converténdose en novas colaboracións ou oportunidades de negocio.
A xornada contou coa presenza da Concelleira de Promoción Económica (Ana Belén Paz) o Director Territorial de Emprego (Juan José Couce Prego) así como de responsables técnicos municipais e representantes do ecosistema de emprendemento, que quixeron acompañar esta iniciativa e coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve no coworking municipal.

Durante toda a mañá, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de descubrir como é traballar nun espazo colaborativo, coñecer os proxectos que forman parte da comunidade
de A Proa e participar na formación “Emprender sen filtros: compartindo os erros que máis ensinan”, impartida por Rosa Corral, asesora de emprendemento da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia e emprendedora, quen ofreceu unha visión práctica e realista dos desafíos que afrontan as persoas emprendedoras nos seus primeiros anos de actividade.
A presenza institucional puxo de manifesto a importancia de seguir impulsando espazos colaborativos, que non só ofrecen un lugar de traballo, senón que contribúen a crear un
auténtico ecosistema de innovación, colaboración e apoio ao emprendemento local.
A Startup Europe Week ten precisamente esa misión: conectar ás persoas emprendedoras cos recursos que existen no seu territorio e demostrar que é posible crear e facer medrar un
proxecto empresarial sen renunciar ao acompañamento nin á colaboración. O Espazo A Proa é un exemplo de como esa filosofía se materializa cada día en Ames.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *