
Espazo de coworking ubicado no Concello das Pontes, especializado no sector enerxético, en enerxías verdes o e sector das renovables.
Nos últimos anos, especialmente tras os cambios nos hábitos de traballo, cada vez máis persoas emprendedoras optan por iniciar os seus proxectos dende a casa. A redución de custos, a flexibilidade e a comodidade son factores que fan desta opción unha alternativa moi atractiva nas fases iniciais.
Porén, detrás desta decisión tamén existen unha serie de dificultades que, en moitos casos, non se teñen en conta ao comezo, pero que poden condicionar seriamente a evolución do proxecto empresarial.
Un dos aspectos máis complexos é a falta de separación entre a vida persoal e profesional. Cando o fogar se converte tamén no lugar de traballo, é habitual que as xornadas se alonguen máis do debido e que resulte complicado desconectar. Isto pode derivar nunha sensación constante de estar “sempre traballando”, co conseguinte desgaste.
A isto súmase a dificultade para manter unha rutina estruturada. Sen horarios definidos nin un entorno profesional claro, é fácil caer en distraccións ou perder foco nas tarefas realmente estratéxicas para o crecemento do negocio.
Pero máis alá destas cuestións organizativas, hai un factor clave que moitas veces pasa desapercibido: a soidade. Emprender dende a casa pode converterse nun proceso illado, no que non sempre se conta cun entorno que entenda as inquedanzas, os riscos ou as decisións que implica poñer en marcha un proxecto empresarial. En ocasións, as persoas máis próximas, desde a preocupación, poden transmitir dúbidas ou freos que afectan á confianza da persoa emprendedora.
Esta falta de conexión con outras persoas na mesma situación tamén limita o intercambio de ideas, a aprendizaxe compartida e mesmo a aparición de oportunidades de colaboración ou negocio.

Outro reto importante é a visibilidade. Ao non formar parte dun ecosistema empresarial activo, redúcense as ocasións de dar a coñecer o proxecto, establecer contactos ou acceder a novas oportunidades.
Fronte a esta realidade, o Green Coworking preséntase como unha alternativa que combina o mellor de dous mundos: a flexibilidade que busca a persoa emprendedora e a conexión cun entorno profesional dinámico.
Traballar nun espazo colaborativo permite romper coa soidade, compartir experiencias con outras persoas emprendedoras, xerar sinerxías e acceder a unha rede de contactos que pode resultar clave para o desenvolvemento do negocio. Ademais, favorece a creación de rutinas, mellora a produtividade e reforza a imaxe profesional do proxecto.
No Green Coworking, as persoas usuarias destacan o apoio continuo, o ambiente profesional e a facilidade para centrarse no que realmente importa que é facer medrar o seu negocio. Formar parte dun espazo colaborativo non é só compartir un lugar de traballo, é integrarse nunha comunidade que acompaña, impulsa e xera oportunidades.

