O emprendemento como piar fundamental da Fusquenlla

Espazo de coworking ubicado no Concello de Moeche

A Fusquenlla na XXVIII Feira da Plantación de San Sadurniño

O domingo 27 de abril de 2025 celebrouse en San Sadurniño unha nova edición da Feira da Plantación no Concello de San Sadurniño. Esta feira que se celebra na finca da Cortiña destaca, respecto doutras feiras da contorna, por ter de protagonista a venda de planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén con árbores froiteiras e materia prima para poñer morteiros -pemento, leituga, tomateiras, etc.- incluídas sementes, ferramentas e maquinaria. Este ano contou tamén coa presenza de stands de Artesanía de Galicia.

Esta feira volveu ser escaparate para proxectos innovadores da Fusquenlla mediante un stand ubicado na entrada da mesma ao carón do stand municipal do Concello de San Sadurniño. Atendendo a este posto estiveron os proxectos empresariais vinculados á Fusquenlla como son “Bieiteiras” representado por Cynthia Arias Ramil e “Ay!Carmen.” representado por Carmen Caínzos Varela, quen destacaron o interese que mostrou o público polos produtos e pola actividade do centro de transformación agroalimentaria.

Ademais de probar os produtos da Fusquenlla no posto desta iniciativa o público da feira tamén puido degustalos como parte do menú elaborado ao vivo por Naír González, chef do restaurante mugardés Muelle 43. A cociñeira participou no evento da man do programa “A provincia que sabe”, promovido pola área de Turismo da Deputación da Coruña, e serviu de aperitivo un cóctel con zume de mazá e limoada saídos das instalacións da Fusquenlla, así como un solombo con chutney de cabaza e delicia de pementos e, de sobremesa, crema de queixo con dúo de marmeladas de amorodo e mora, tamén como protagonistas os produtos elaborados na Fusquenlla.

Foto: o posto da Fusquenlla na XXVIII Feira da Plantación

Páxina web A Fusquenlla (28/04/2025): https://afusquenlla.gal/a-fusquenlla-participou-na-xxviii-feira-da-plantacion-de-san-sadurnino/

Páxina web Concello de San Sadurniño (28/04/2025): https://sansadurnino.gal/san-sadurnino-pecha-unha-feira-da-plantacion-de-loucura/

Visitas á Fusquenlla

O día 19 de maio de 2025 un grupo de 15 mulleres pertencentes ao Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, como asistentes a un curso sobre agricultura ecolóxica en Valdoviño de 100 horas teóricas e un período práctico, visitaron a Horta de Conservación de Froiteiras Carlos Fornos de San Sadurniño para coñecer este proxecto de posta en valor das nosas castes autóctonas. Despois, a media mañá, achegáronse ata A Fusquenlla para coñecer de primeira man este proxecto, onde algunhas destas variedades de froita do país se converten en zumes ou marmeladas de sabor exquisito e calidade excepcional. A visita ao Centro de transformación agroalimentaria foi guiada por Manolo Varela, concelleiro do Concello de San Sadurniño, que lles explicou os aspectos básicos do funcionamento do mesmo. As asistentes puideron ver de cerca o obrador co seu equipamento así como outras dependencias do edificio como o espazo de tratamento do mel ou os almacéns do que está composto.

O pasado 1 de xullo de 2025 o Centro recibiu outra visita por parte de persoas pertencentes á Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. Esta visita tamén foi guiada polo concelleiro Manolo que atendeu ás cuestións que plantexaron as persoas visitantes que mostraron un grande interese polo proxecto.

Foto: momento da visita das asistentes ao curso do PIE

Facebook do Concello de San Sadurniño (19/05/2025):

https://www.facebook.com/share/p/15yLoogPny

A Fusquenlla nas Comunidades de Innovación Rural

O Concello de San Sadurniño, xunto cos concellos de Cedeira e Moeche, está a desenvolver o proxecto “Comunidades de Innovación Rural” que promove a consultora Implicatum co financiamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o reto Demográfico. Esta iniciativa busca promover o emprendemento, a innovación e as sostenibilidade no rural, por medio de ferramentas participativas como a análise colectiva da realidade, a formulación creativa -e tamén colectiva- de ideas para solventar distintos problemas e a colaboración entre persoas para sacar adiante novos proxectos. O proxecto, con vixencia dende abril ata decembro do presente ano, está enmarcado nun proceso de dinamización, formación e acompañamento totalmente gratuíto facilitado polo persoal especializado de Implicatum. Trala presentación de hai unhas semanas, agora o proxecto dá un paso máis poñendo o foco sobre o traballo da Fusquenlla, e outras dúas entidades do municipio como son a Asociación Brío e o grupo de facilitadoras e aliados contra o maltrato.

Un dos piares da proposta é o “Centro de Oportunidades”, que incluirá un estudo do territorio para identificar sectores clave, recursos dispoñibles e boas prácticas doutros lugares. Ademais, crearase unha plataforma web cun banco de oportunidades e unha biblioteca virtual para fomentar o emprendemento rural e o traballo colaborativo.

Tamén se porá en marcha un “Campus Rural”, que ofrecerá formación en emprendemento e competitividade empresarial, ademais de exercer a titorización individual de cinco proxectos emprendedores. A consultora Implicatum, responsable do proxecto, estima que nesta fase poidan participar arredor de 24 persoas -cun obxectivo de paridade de xénero- ás que se lles impartirán 40 horas de formación entre os meses de xuño e novembro.

Outro eixo fundamental son os “Rural Labs”, dous laboratorios de innovación aberta baseados en metodoloxías como o design thinking. Este enfoque consiste en poñer no centro as necesidades das persoas usuarias para deseñar solucións creativas e viables a problemas ou situacións complexas, a través dun proceso participativo que pasa por fases de empatía, definición, ideación, prototipado e testeo.

Finalmente, o proxecto contempla a creación dunha “Comunidade Rural Dixital”, un espazo virtual que funcionará como punto de encontro e colaboración entre axentes locais. Ademais, celebraranse dúas xornadas presenciais: unha de intercambio de experiencias e outra de presentación de resultados.

As accións celebradas ata a data de hoxe foron a celebración de dúas sesións informativas, unha a principios de maio e outra a finais dese mesmo mes que serviron de toma de contacto e de programacións de seguintes accións. Durante o mes de xuño xa se celebraron dúas sesións formativas en liña para as persoas que teñen en mente unha idea de proxecto emprendedor.

Foto: momento da celebración dunha sesión informativa

Páxina web Concello de San Sadurniño (17/06/2025): https://sansadurnino.gal/san-sadurnino-acolle-este-xoves-unha-xornada-online-para-transformar-ideas-en-proxectos-emprendedores-viables/

Páxina web Concello de San Sadurniño (28/05/2025): https://sansadurnino.gal/o-laboratorio-de-innovacion-rural-pon-o-foco-no-desenvolvemento-da-fusquenlla-a-asociacion-brio-e-o-lavadoiro/

Facebook (09/05/2025):

https://www.facebook.com/photo?fbid=122176488080320620&set=a.122095184816320620

Páxina web Concello de San Sadurniño (06/05/2025): https://sansadurnino.gal/a-casa-da-cultura-acolle-este-xoves-a-presentacion-do-proxecto-comunidades-de-innovacion-rural/

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *