O éxito nace na rede: A Xornada Agro 360º do Lab Barbanza, un proxecto 100% colaborativo

Espazo de coworking ubicado no Concello de Boiro.

O Lab Barbanza de Boiro prepárase para acoller a Xornada Agro 360º: Adaptación, Sostibilidade e Emprendemento no Sector Agroalimentario Galego. Este evento non só é relevante polo seu contido, senón que constitúe un fito para o Lab Barbanza, xa que é o resultado directo da colaboración estratéxica entre os seus coworkers e usuarios do viveiro de empresas.

Este proxecto demostra que o Coworking é moito máis que unha oficina compartida; é un motor para sementar ideas e cultivar proxectos e un espazo onde a colaboración multiplica as capacidades.

O Lab Barbanza en acción: O motor colaborativo de Xornada Agro 360º

A organización e o deseño desta xornada temática sobre o agro galego é froito das sinerxías xeradas no propio espazo colaborativo do Lab Barbanza. O obxectivo destes espazos de emprendemento é, precisamente, promover a xeración de alianzas, o networking e o deseño de proxectos conxuntos, e a Xornada Agro 360º é o cumprimento palpable desta misión.

Este evento naceu e creceu a partir da participación activa de varios profesionais do Lab Barbanza e de proxectos da Rede:

  • Orixe Salgada (viveiro de empresas): asumiu o enfoque da xornada e a coordinación de coworkers, mesas e poñentes. Esta empresa é a referencia no Lab Barbanza como “Faro de Emprendemento Sostible”.
  • Espacios verdes e David García (viveiro de empresas): traballaron xuntos para deseñar a decoración do espazo, integrando elementos relacionados co mar e o agro.
  • Crea&innova (viveiro de empresas): Encargadas da difusión e de proporcionar o mobiliario e os medios técnicos necesarios para a realización da xornada.
  • Ángela Novo (espazo coworking): Responsable de crear as candeas artesanais que se ofrecerán como agasallo a ponentes e participantes.
  • Sonia García (Coworking Pobra): Coworker do espazo da Pobra, que tamén se une a esta iniciativa inter-coworking, colaborando coa gravación do vídeo do evento. Esta solidariedade en rede e apoio entre coworkings municipais é un dos valores máis fortes da Rede.

Este conxunto de alianzas internas, visibilizadas nas reunións de organización, resalta a forza da colaboración nos espazos municipais.

Detalles da xornada

A xornada 360º celebrarase o 14 de novembro de 2025 no Lab Barbanza (Pol. Ind. de Espiñeira, nº 20, Boiro), de 11:00 a 14:00 horas. O evento está dirixido a persoas emprendedoras, profesionais do agro e persoal investigador.

O programa estrutúrase en tres partes esenciais: Mesas de Debate Especializadas, un Espazo Networking e unha Cata de viños para o peche.

Resumo das mesas de debate

As tres mesas de debate ofrecerán un diálogo completo con expertos de toda a cadea de valor agroalimentaria:

Mesa 1. Sostibilidade ambiental e cambio climático

Centrarase nos marcos legais que guían o sector cara á sostibilidade e a adaptación ao cambio climático.

  • Participantes destacados: José Ramón Vázquez (Vicepresidente de VIRATEC, Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular), Jacobo Feijoo (Responsable de medio ambiente e cambio climático en Unións Agrarias), Higinio Mougán (Director – Xerente de AGACA) e Pablo Condo (responsable de AGROTECH en Sinerxia Consultores).

Mesa 2. Innovación e empresa

Abordará a adaptación das empresas consolidadas aos retos actuais, con foco na innovación e as boas prácticas.

  • Participantes destacados: Paula Souto (Directora I+D en Jealsa, unha das principais produtoras de conservas de pescados e mariscos a nivel mundial e comprometida co programa We Sea en favor da sostibilidade); Ángela Yusta (Responsable de I+D en Paco y Lola, cooperativa vitivinícola que traballa aliñada cos 17 Obxectivos da Axenda de Desenvolvemento Sostible 2030 das Nacións Unidas); e José Iglesias (Co-Fundador e CEO de Stelviotech, startup especializada en dixitalización e sostibilidade no sector agroalimentario).

Mesa 3. Emprendemento e novos modelos de negocio

Esta mesa pechará a rolda presentando proxectos reais e iniciativas inspiradoras que se abren camiño entre a sostibilidade e a resiliencia.

  • Participantes destacados: Elena Vitoria (CEO de Salmoira, proxecto que recupera a historia da salazón para o turismo); Rosa Arcos (Secretaria Xeral de Fademur, organización que defende e impulsa o emprendemento das mulleres no medio rural); e Maruxa Camiña (Co-fundadora de Canumi, que fabrica latas de peixe real para mascotas sen aditivos).

Espazo de encontro distendido

O evento inclúe un Espazo Networking para establecer contactos e intercambiar experiencias que rematará cunha cata de viños.

Non perdas a oportunidade de conectar cos referentes do sector e impulsar o teu proxecto nun ambiente de colaboración real.

Reserva a túa praza!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *