
Espazo de coworking ubicado no Concello de Boiro.
O Lab Barbanza desenvolveu nos últimos meses un programa formativo de Emprendemento dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria de varios centros educativos do concello de Boiro, cun obxectivo claro: dar a coñecer o Lab Barbanza como centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento, ao tempo que se fomenta a creatividade, o pensamento crítico e a sustentabilidade entre as xeracións máis novas.
Este programa incluíu dúas propostas complementarias: o Campus de Emprendemento para o alumnado da ESO e o Pasaporte de Emprendemento Circular para o alumnado de Primaria, ambas baseadas en metodoloxías activas, experimentación e contacto directo con proxectos emprendedores reais.
Coñecemento dos talleres, viveiro de empresas e o espazo coworking
Cada visita ao Lab Barbanza iniciouse cun percorrido polos talleres de formación profesional que o centro pon a disposición da comunidade:
- Hostalería
- Cociña
- Carpintería
- Xardinaría
- Xestión de aloxamentos
- Servizos sociosanitarios
Este paseo permitiu ao alumnado coñecer de primeira man os diferentes itinerarios formativos que ofrece o centro, entender o seu funcionamento e visualizar o potencial dunha instalación pública que combina formación, emprendemento e innovación social.
Para estimular o espírito emprendedor, era fundamental dar a coñecer os distintos espazos que compoñen a área de emprendemento, incluíndo os despachos, o espazo de traballo colaborativo, a sala de reunións e o ximnasio para os coworkers, espazos que espertan curiosidade e interese entre as persoas visitantes, especialmente entre adolescentes.

Primaria: xogos, cociña e circularidade para aprender divertíndose
Para os nenos e nenas dos centros de Primaria participantes, a experiencia tivo momentos especialmente memorables. Entre eles, destacou:
- A visita ao taller de cociña, onde puideron descubrir espazos profesionais e espertar a curiosidade por novas vocacións.
- As actividades do Pasaporte de Emprendemento Circular, con xogos e dinámicas participativas para aprender, xogando, conceptos como reutilización, ecodeseño, redución de residuos ou economía circular.
A combinación de aprendizaxe lúdica e contacto directo co territorio fixo que o alumnado asumise un papel activo como “exploradores da sostibilidade”.
ESO: talleres prácticos con emprendedoras locais e visión de oportunidades de negocio
No caso do alumnado de Secundaria, o Campus de Emprendemento permitiu afondar noutras dimensións do emprendemento sostible grazas á colaboración de dúas profesionais instaladas no propio Lab Barbanza:
Taller con Elena (Orixe Salgada)
Elena guiou ao alumnado na elaboración dun xabón ecolóxico feito con algas e aceite usado, explicando o proceso, as propiedades do produto e o valor engadido de aproveitar os residuos e os recursos locais.
Taller con Ángela (Aloumiños do Ceo)
Nesta actividade, os rapaces e rapazas aprenderon a crear embalaxes sostibles de máis dun uso reutilizando anacos de tea de algodón e aplicando cera de abella.
Estas experiencias tiveron un alto impacto, xa que permitiron ao alumnado:
- Identificar oportunidades de negocio viables para desenvolver no concello de Boiro.
- Comprender a importancia do ecodeseño á hora de crear produtos sostibles.
- Coñecer exemplos reais de emprendedoras locais que apostan polo territorio, a economía circular e os materiais respectuosos co medio.
Un programa para sementar futuro e fortalecer o ecosistema emprendedor de Boiro
Coa combinación de actividades educativas, visitas guiadas e talleres prácticos, este programa formativo contribuíu a:
- Visibilizar o papel do Lab Barbanza como motor de emprendemento e innovación local.
- Reforzar a conexión entre centros educativos e ecosistema emprendedor.
- Promover unha cultura emprendedora asentada na sostibilidade, a creatividade e o coñecemento aplicado á realidade de Boiro.
- Inspirar ao alumnado con referentes próximos e accesibles.
Desde o Lab Barbanza agradecemos aos centros educativos participantes a súa implicación e interese, e continuaremos traballando para que a formación en emprendemento sostible e economía circular chegue a máis crianzas e xente moza ao longo do ano.

