O Pazo de Arenaza alcanza o 80% de ocupación: unha comunidade que non para de medrar

O Pazo de Arenaza, o espazo pioneiro da Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña, acaba de alcanzar o 80% da súa capacidade. Un dato que non é froito da casualidade, senón o resultado dun traballo continuado ao longo do ano para construír unha comunidade activa, visible e conectada. E maio de 2026 foi, sen dúbida, un dos meses que mellor reflicte ese espírito.

Un maio cheo de actividade

O mes arrancou o 5 de maio cunha dobre cita. Pola mañá, o Pazo acolleu a gravación en directo do podcast En Beta Permanente con Anxela de Bendita Flor, un proxecto que vai moito máis aló dunha floristería: decoración de eventos, montaxes efémeras, talleres creativos e experiencias deseñadas arredor das flores que converteron esta iniciativa nun referente da arte floral contemporánea na Coruña. Continuando coa gravación de La Encina que completou a xornada, reafirmando que En Beta Permanente é xa un dos formatos máis queridos da comunidade: un podcast que dá voz a mentes inquedas da provincia e que o Pazo ten a sorte de acoller en directo. Ao día seguinte, o 6 de maio, celebrouse o European Coworking Day, unha data simbólica para o movemento coworking a nivel europeo que o Pazo aproveitou para organizar un encontro de networking entre a súa comunidade e Consulta y Crece, reafirmando o seu lugar dentro dun ecosistema de traballo colaborativo.

O 11 de maio o espazo volveu converterse en plató co dobre episodio do podcast En Beta Permanente: primeiro con Xiao de Komo Suchi pola mañá, e despois con Marta Galán. Dúas historias, dúas perspectivas, un mesmo compromiso con visibilizar o talento e o emprendemento local.

Durante todo o mes, as sesións semanais de Xes-hora ofreceron á comunidade un espazo de asesoramento en xestións e procedementos administrativos, un recurso práctico e accesible que resolve dúbidas concretas e reduce as barreiras burocráticas ás que se enfrontan tantas persoas emprendedoras no día a día.

O 22 de maio chegaron os Petiscos, un encontro informal no que a comunidade se reuniu arredor da comida para socializar, compartir vivencias e fortalecer os vínculos entre as persoas que compoñen o Pazo. Porque construír comunidade tamén ocorre fóra das reunións de traballo.

E para pechar o mes, o 27 de maio o Pazo acolleu a Startup Europe Week, un evento de referencia no ecosistema emprendedor e tecnolóxico galego que reuniu startups, profesionais e referentes do sector nunha xornada centrada na innovación e a colaboración.

O que os números contan

Chegar ao 80% de ocupación significa que case todos os postos do Pazo teñen xa un proxecto detrás. Significa que cada semana hai máis persoas que elixen traballar aquí, rodeadas de outras persoas que tamén están construíndo algo. E significa, sobre todo, que a aposta da Deputación da Coruña por achegar infraestrutura e comunidade emprendedora ao territorio está a dar os seus froitos.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *