O produto perfecto pode esperar. Os clientes, non.

Había unha vez un emprendedor — chamémoslle Marcos — que chegou ao espazo cunha carpeta baixo o brazo, os ollos brillantes e unha idea que, segundo el, ía cambiar a forma en que os galegos compran produtos artesanais en liña. Non era unha mala idea.
De feito, era bastante boa. O problema era o que Marcos quería facer con ela.
Necesito polo menos oito meses para desenvolvelo ben, dixo coma se oito meses fosen algo razoable para descubrir se alguén lle ía comprar algo.
Respiramos fondo.


A trampa do produto perfecto
Marcos non é un caso único. É, de feito, o caso máis habitual. A maioría das persoas que chegan cunha idea de negocio comparten o mesmo reflexo: queren que o produto estea rematado, pulido e sen arestas antes de mostralo ao mundo. É comprensible. Ninguén quere parecer pouco profesional. Ninguén quere lanzar algo a medias.
O problema é que mentres Marcos perfecciona, o mercado segue a súa vida. E cando finalmente lance o seu produto impecable, pode descubrir que ninguén o estaba agardando.
O perfeccionismo no emprendemento non é unha virtude. É un mecanismo de defensa. Porque mentres o produto non está listo, tecnicamente non podes fracasar.


Que é un Produto Mínimo Viable e por que importa
Un Produto Mínimo Viable — PMV, ou MVP polas súas siglas en inglés — é a versión máis sinxela posible dun produto que permite obter información real do mercado. Non é un produto a medias nin un prototipo chapuceiro. É a versión que responde á única pregunta que importa nesta fase: alguén está disposto a pagar por isto?
A clave, e isto é o que máis lle costou entender a Marcos, non é construír algo pequeno por falta de recursos. É identificar cal é o valor principal da túa proposta e entregalo sen adornos, sen funcionalidades accesorias, sen o envoltorio que che tranquiliza pero que o cliente non pediu. Todo o demais é ruído que atasca o proceso e retrasa o momento en que aprendes algo útil.
Con Marcos traballamos durante varias sesións para responder a esa pregunta: de todo o que imaxinara — a plataforma, o sistema de valoracións, a integración con redes sociais, o programa de fidelización — que era o mínimo que necesitaba para que un cliente real puidese facer unha compra real? A resposta era bastante máis sinxela do que el quería admitir.


As barreiras que hai que superar
Convencer a Marcos non foi inmediato, e non foi por falta de argumentos. Foi porque lanzar un PMV implica superar varios medos moi concretos que case todos os emprendedores comparten.

O primeiro é a vergonza. Marcos levaba meses falándolle á xente do seu proxecto. A idea de saír ao mercado con algo incompleto parecíalle contradictorio coa imaxe que quería proxectar. Aquí axuda moito unha frase de Reid Hoffman, fundador de LinkedIn: se cando lanzas o teu produto ao mercado non che dá vergonza, é porque o lanzaches demasiado tarde. Non é provocación. É metodoloxía.
O segundo medo é o fracaso real. Mentres o produto non existe, podes soñar que vai ser un éxito. En canto o lanzas e tes interacción con clientes reais, tes datos. E os datos, ás veces, din cousas que non queres escoitar. É incómodo, pero é infinitamente mellor que descubrilo despois de dous anos de desenvolvemento.
O terceiro, que nos fixo sorrir, foi a preocupación pola marca. Marcos preocupábase por dañar a súa marca antes de ter un só cliente. A marca dun proxecto que non existe aínda en exactamente cero valor que protexer.


O momento en que todo cambia
Lanzamos unha versión moi básica en seis semanas. Sen a metade das funcionalidades previstas. Con moitas cousas por pulir. E con tres primeiros clientes reais que pagaron, usaron o produto e, o máis valioso de todo, dixeron exactamente o que non funcionaba.
Aí está a outra pata do proceso que Marcos tivo que incorporar: a medición. Non vale con lanzar e observar vagamente se as cousas van ben. Un PMV sen métricas é como conducir con ollos vendados e convencerte de que vas na dirección correcta porque non escoitaches ningún choque todavía.
Definimos xuntos un puñado de indicadores sinxelos: cantas persoas visitaban a páxina, cantas completaban unha compra, en que punto do proceso abandonaban, que dicían os primeiros compradores cando se lles preguntaba directamente. Suficiente para tomar decisións con datos en lugar de intuicións.
O que Marcos descubriu nas primeiras semanas valía máis que oito meses de desenvolvemento en soidade: os clientes non querían exactamente o que el pensaba.
Querían algo lixeiramente diferente, máis directo, con menos fricción. Esa información, obtida cedo e con pouco investimento, orientou todo o desenvolvemento posterior.


O que aprendemos nós tamén
Historias como a de Marcos repítense con frecuencia nos nosos espazos. E cada vez confirmamos o mesmo: o valor dun coworking non está só nas cadeiras e na conexión a internet. Está nas conversas, no acompañamento, en ter alguén preto que te faga as preguntas incómodas antes de que o mercado cho faga del seu xeito, que adoita ser bastante menos amable.
Na Rede Provincial de Espazos de Traballo non só ofrecemos un lugar onde traballar. Acompañamos proxectos en todas as súas fases, desde a idea inicial ata a validación comercial, pasando polo momento en que hai que convencer a alguén de que o produto perfecto pode esperar.
Os clientes, non.

A Rede Provincial de Espazos de Traballo está a túa disposición.
Se cres que estás a caer na trampa do produto perfecto, ou simplemente queres que alguén te axude a definir o teu PMV antes de investir máis tempo e diñeiro, achégate ao Centro de Emprendemento máis próximo. Na Rede Provincial de Espazos de Traballo temos espazos e persoas con ganas de acompañarte. Ás veces só fai falta unha boa conversa para ver con claridade o que o teu proxecto necesita agora mesmo.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *