O tránsito dunha idea de negocio ata converterse nun modelo de negocio

Centro de Emprendemento “A Estación” é un espazo multifuncional que alberga unha zona de traballo coworking para proxectos emprendedores e empresariais.

Unha viaxe

A viaxe de poñer en marcha unha iniciativa empresarial, crear unha asociación, ou simplemente darnos de alta como persoas autónomas para o desenvolvemento dalgunha actividade, comeza cunha idea que abrolla.

Esa idea pode ser máis ou menos clara. Pode estar rodeada de vaguidades, incertezas e dúbidas; pero tamén está constituída por certezas (motivacións, intereses, coñecementos…).

A idea de negocio é ese punto de partida dunha viaxe, na cal vai ser modelada por información que debemos ir descubrindo, ata que verifiquemos que se trata dunha idea viable. Trátase dun proceso aberto de ensaio-erro que, pouco a pouco vai modelar o noso negocio.

A terminoloxía

Un dos maiores problemas de partida que atopamos na actualidade é a utilización dos termos e conceptos nesta materia. O emprego indistinto de conceptos diferentes, a profusión de definicións tomadas doutras definicións, ou a importación de termos doutras disciplinas ou campos de actividade, por exemplo, xeran altos graos de confusión.

Tan pronto atopamos os termos “plan”, “programa” e “proxecto” provenientes do ámbito educativo ou social, como podemos atopar tamén outros conceptos como “plan de empresa”, “liña de negocio” ou “produto/servizo” que proveñen dun campo diferente.

O máis importante é comprender o significado do que se quere dicir, e que teña sentido e as nosas decisións presenten unha trazabilidade ou lóxica interna, que nos permita pasar do xeral e abstracto ao concreto (accións e resultados).

A identidade e a creatividade

No punto de partida está a idea de negocio, esa unidade mínima imprescindible para poder articular sobre ela un proxecto empresarial, con ou sen ánimo de lucro.

Cobran aquí importancia dous elementos esenciais: a identidade e a creatividade.

En termos amplos, a identidade ven definida por ser un conxunto de trazos propios dunha persoa ou colectividade que os caracterizan fronte ás demais. A identidade é o que somos en tanto participamos e somos reflexo dunha cultura/sociedade. Esa identidade defínenos como persoas antes que como empresa. Neste estado inicial non falamos de identidade corporativa senón simplemente de identidade. A identidade corporativa é algo que corresponde ao plano operativo, e é posterior a este momento de xeración da idea de negocio. Non hai identidade corporativa se non hai antes un modelo de negocio.

Estes trazos persoais que determinan a nosa identidade persoal, necesariamente participan ou deberan participar da idea de negocio. Como podo dedicarme a crear un proxecto no que non creo e pensar que todo vai saír ben?

Por tanto, que parte de min podo dedicar nesa idea de negocio? Coñecementos? Actitude? Valores?

O outro elemento determinante neste momento é a creatividade, a cal permitirá ese proceso de modelaxe da idea inicial, e ir sorteando as distintas barreiras ou obstáculos que nos vaiamos atopando. Mediante a creatividade poderei flexibilizar a miña idea inicial para facela viable. É dicir: conseguirei non tropezar sempre coa mesma pedra. Tal vez o resultado final difira aparentemente moito do inicialmente pensado, pero o que está a facer e axustar as nosas expectativas, intereses e desexos, coas características do mercado ao que me dirixo.

Investigando o mercado

Unha investigación nunca vai a cegas. En materia de empresa e emprendemento partimos dunha hipótese de partida, que debe estar o máis clara posible. Esa hipótese é a idea de negocio.

A investigación o que vai facer é proporcionar información que permita verificar ou corroborar esa hipótese, enriquecéndoa polo camiño.

Mediante a investigación captamos a información, a analizamos e a sintetizamos. O seu obxectivo é servir de base e soporte á toma de decisións. Dise que a información é poder, pero -polo dito- sería máis adecuado dicir que é “para poder”, en concreto, para poder tomar decisións.

A análise e a síntese

Unha vez compilada a información é o momento de procesala. En función do tipo de información, a cantidade da mesma (ex: non é o mesmo unha mostraxe que unha compilación exhaustiva), ou o obxectivo buscado, existen variedade de análises: estrutural, descritivo, diagnóstico, preditivo, inferencial…

A análise explica o que vemos e ponlle orde e concreto a toda a información compilada. Pero esa análise temos que operativizala dalgún modo.

Mediante a síntese contraemos a información de xeito que sexa máis manexable e se centre no esencial e non no accesorio.

Unha vez realizado ese proceso, podemos pasar ao seguinte escenario: a diagnóstico e a toma de decisións.

Diagnóstico e toma de decisións

Tomar decisións significa escoller entre dúas ou máis opcións para solucionar un problema ou para levar adiante unha determinada acción. Cando se toman decisións estas afectan tanto á forma de facer un traballo como aos resultados que se alcanzan.

A toma de decisións está encamiñada, neste punto do camiño, a elixir e determinar un modelo de negocio, entendendo por tal non só a carteira de produtos e/ou servizos, senón todos aqueles aspectos que constrúen teoricamente a nosa futura empresa ou entidade. A partires de aí toca facer operativo ese deseño teórico e verificalo coa realidade práctica, de modo que se irán agregando capas de información e entendemento ata que o proxecto estea maduro para saír ao mercado.

O modelo de negocio

O modelo de negocio teórico que se estableza nesta fase debe ser definido claramente en canto a aspectos clave: dende a carteira de produtos e/ou servizos, ao público obxectivo, dende a estratexia de marketing á organización interna.

Entón, unha idea viable é sinónimo de negocio viable? Non. Para iso é preciso dispoñer dunha estratexia e unha planificación axeitada. Será a través da estratexia e planificación cando ese modelo de negocio teórico se operativice.

O modelo de negocio teórico, si se fai correctamente, está “preparado” para operativizarse e chegar á realidade. A partires de aquí toca iso, pero “iso” xa é outro tema.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *