
Espazo de coworking ubicado no Concello de Brión, especializado na transformación.
Co outono chega unha das épocas máis agardadas no Espazo Colaborativo “Transformando en Brión”. Días cheos de actividade, nos que as horas parecen non ser suficientes para abarcar toda a intensidade da temporada. As coworkers, con enerxía renovada, aproveitan a ampla variedade e abundancia das froitas e hortalizas das hortas locais, co fin de gardar os mellores produtos para todo o ano. As cociñas colaborativas non paran, elaborando e conservando o mellor que a terra galega ofrece.

Este non é só un espazo de traballo, senón unha verdadeira praza de encontros e innovación. Mentres as cociñas traballan a toda máquina, as actividades no coworking tamén avanzan con forza, impulsadas, en parte, pola Deputación da Coruña a través da Rede de Espazos Colaborativos, e pola notoriedade que están acadando en toda Galicia, converténdose en exemplo de dinamización da economía rural e da colaboración efectiva entre persoas, entidades e administracións públicas.
Actividades Formativas e Divulgativas: Unha Axenda de Impulso e Colaboración

Este outono, as actividades formativas e divulgativas non faltaron. Entre elas, destaca a formación dun novo grupo de 16 coworkers, que se formaron para aprender a aproveitar ao máximo as cociñas colaborativas de Brión, coas primeiras xornadas de formación en setembro e outubro.
A divulgación non cesa. Ao longo do mes, continuamos a dar a coñecer as enormes posibilidades que ofrece o espazo “Transformando en Brión” entre administracións públicas, empresas privadas e o público en xeral. Algúns dos momentos máis destacados deste outono foron:
- Pantín Classic, Valdoviño: A finais de agosto, levamos a nosa proposta ao maior evento de surf da nosa terra, presentando os alimentos elaborados nos coworkings de Brión e Moeche aos deportistas e asistentes.
- VII Feira de Emprendedoras, organizada pola USC e o Concello de Santiago: Unha oportunidade única para mostrar como as mulleres podemos liderar espazos de emprendemento no rural, facendo fronte aos retos dunha economía local sustentable.
- Xornadas de Eco-comedores Responsables: En colaboración co GDR Terras de Compostela e Slow-Food, compartimos co sector da restauración colectiva a importancia de usar produtos locais, tanto para a saúde como para o fortalecemento da economía.
- Mercado de Horta e Artesanía de Ames: A finais de setembro, arrancou esta nova iniciativa que leva á praza o mellor das hortas e produtos artesanais da nosa comarca. Cada sábado, as productoras do coworking participan cun posto da Asociación Darredor, ofrecendo os seus produtos e establecendo lazos coa comunidade.
- Visita do Concello de Pontevedra: O equipo técnico de Pontevedra visitou o noso espazo como referente para estudar a posibilidade de crear un espazo colaborativo no mercado de abastos da cidade.
Coworking Fest: A Semana de Contactos e Impulsos para o Futuro
O Coworking Fest converteuse nunha cita ineludible para todos os que formamos parte deste ecosistema. Unha semana chea de actividade, conversas, visitas e novos proxectos en marcha. Este ano, como sempre, a intensidade foi máxima:
- Visitas a hortas: Durante tres días, visitamos diferentes hortas para coñecer de primeira man como se aproveitan as producións primarias para transformar os produtos nas nosas cociñas.
- Visitas ás cociñas: Un día estaba adicado á cociña de Masas, e outro á de Conservas Vexetais, co obxectivo de promover vínculos e afianzar coñecementos entre as persoas usuarias do coworking.
- Feira Labrega: Un evento xa consolidado na comarca, no que nos reunimos para degustar, dar a coñecer e intercambiar propostas entre as elaboradoras de Brión e de toda Galicia, e o público que cada ano se achega para descubrir o traballo do coworking.

Seguimos Outoneando
Mentres o outono avanza, a actividade non para no Espazo Colaborativo. As nosas cociñas, hortas e proxectos seguen a todo vapor, e a cada día afianzamos máis o noso compromiso coa innovación rural e a colaboración entre comunidades. Esta estación promete máis achegas, descubrimentos e froitos de todo tipo.

E seguimos producindo…
