Prepararse con tempo: aprendizaxes clave do almorzo empresarial sobre axudas 2026

Espazos de traballo colaborativo da rede provincial en As Pontes.

O pasado venres 14 de novembro celebramos no Green Coworking de As Pontes un novo almorzo empresarial, centrado nesta ocasión na planificación estratéxica das subvencións para o ano 2026.

Ao encontro  asistiron  coworkers,  autónomos/as, empresas e persoas emprendedoras interesadas en anticiparse ás liñas de axuda previstas para o próximo ano e coñecer como estruturar correctamente os seus proxectos para incrementar as posibilidades de éxito.

A xornada foi impartida por Fernando Picón, consultor experto de OBZ Consulting, quen ofreceu unha visión actualizada das principais oportunidades de financiamento previstas para o 2026 e das claves para preparar proxectos que encaixen cos requisitos das convocatorias.


Puntos abordados

Ao longo do almorzo tratáronse cuestións clave como:

1. Principais liñas de axuda previstas para 2026

Analizouse o panorama de programas que se agarda que entren en vigor, destacando os seus obxectivos, perfís destinatarios e aspectos a ter en conta á hora de presentar candidaturas.

2. Xestión e planificación das subvencións

Falaron das fases da xestión, dos erros máis habituais e de como organizar a documentación e a información interna para presentar solicitudes máis sólidas.

3. Fórmulas para a busca de subvencións

Explicáronse métodos eficaces para identificar convocatorias relevantes, así como estratexias para facer un seguimento constante das oportunidades dispoñibles.

4. Detectar necesidades internas e definir a estratexia empresarial

Insistiuse na relevancia de analizar previamente a situación da empresa: que necesita, onde quere chegar e como encaixar estes obxectivos co financiamento público existente.


A planificación e a análise previa como clave do éxito

Un dos puntos nos que se fixo maior fincapé foi a necesidade de planificar con antelación en relación as necesidades da empresa para poder reaccionar con rapidez cando se publiquen as convocatorias. Dispoñer da documentación, dos obxectivos e da estratexia definidos permite non só presentarse ás axudas, senón facelo con maiores garantías de éxito.

Recordouse tamén que solicitar subvencións implica compromisos e obrigas, polo que é fundamental coñecer e valorar estes aspectos antes de iniciar o proceso. Un incumprimento pode derivar na devolución da axuda, polo que a planificación e a análise previa son imprescindibles.

A alta participación e o interese amosado polos asistentes reflicten a importancia de contar con espazos formativos que axuden a tomar decisións informadas e anticiparse aos retos futuros

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *