
Espazo de coworking ubicado no Concello de A Capela.
Nun mundo cada vez máis dixital, a localización xa non é unha barreira para crear e manter unha boa rede de contactos profesionais. A idea de que vivir nunha gran cidade é imprescindíbel para o networking quedou obsoleta grazas ás novas tecnoloxías e ás melloras nas conexión dixitais, e a pandemia acabou de demostrar a obsolescencia desta idea. Neste artigo, exploramos como profesionais situados en pequenas vilas ou zonas rurais poden ampliar a súa rede de contactos e aproveitar todas as oportunidades dispoñíbeis.

As redes sociais e plataformas profesionais permiten conectar con persoas de todo o mundo sen importar a súa ubicación, e mesmo nas vilas máis pequenas hai iniciativas que fomentan a colaboración entre profesionais. Para construír unha rede de contactos forte, alén da cidade, só é preciso seguir esta serie de recomendacións:
1.
Aproveitar o potencial do networking dixital. Podemos facelo creando un perfil optimizado en LinkedIn e participando en conversas relevantes, ou incluso dinamizar o teu negocio a través dun perfil profesional de Instagram, como estamos a aprender este ano no Coworking da Capela con Iago Varela. Ademais, podemos realizar outras accións como inscribirnos en foros e grupos profesionais das redes sociais, asistir a webinars e eventos virtuais onde poder interactuar con outros e outras profesionais.
2.
Participar nos espazos de traballo locais, como pode ser o Coworking da Capela, ou outros espazos ou centros de negocios situados en concellos con menor número de habitantes. Isto permitiranos coñecer a outras persoas emprendedoras que se atopan na nosa situación ou mesmo na mesma etapa de maduración da idea de negocio, incubación, maduración ou consolidación. A participación neste tipo de espazos permitiranos asistir a eventos e xornadas que se organizan ou difunden a través destas canles, e por se fora pouco, esta colaboración con asociacións e proxectos locais aumentará a nosa visibilidade e polo tanto, a do noso proxecto ou modelo de negocio.
3.
Non é necesario vivir nunha cidade grande para asistir a eventos importantes. Podemos desprazarnos puntualmente para asistir aos eventos e conferencias máis relevantes do noso sector, polo que é recomendábel facer unha escolla deste tipo de eventos e planificar a nosa asistencia en cidades próximas como poden ser Ferrol, Coruña, Compostela ou Vigo. Con todo, tamén podemos aproveitar os eventos online para establecer novos contactos, que deberemos consolidar a través das redes sociais ou correo electrónic
4.
Nunha aldea ou unha vila pequena, as relacións persoais son clave para establecer unha boa rede de contactos, polo que debemos potenciar as relacións persoais e o boca a boca. Debería ser de obrigado cumprimento coñecer os e as profesionais da nosa contorna e buscar e atopar sinerxías con estas persoas. O boca a boca segue sendo unha ferramenta moi efectiva para atopar novas oportunidades, polo que sempre é unha boa idea compartir os nosos proxectos e habilidades con amizades, familiares e veciñanza.
5.
Colaborar con profesionais doutras zonas tamén é un aspecto clave para ampliar horizontes, polo que sería moi recomendábel propoñer proxectos con profesionais doutras vilas ou cidades. Podemos participar en plataformas de freelancing que podemos atopar en internet para traballar con xente de todo o mundo, creando contidos e compartindo os nosos coñecementos para chamar a atención de posíbeis colaboradores e colaboradoras.
6.
Se non podemos estar fisicamente nunha cidade grande, deberemos destacar doutra forma, polo que se torna imprescindíbel ser creativos. Para desempeñar esta tarefa podemos darnos a coñecer escribindo artigos en blogs (coma este, pero aplicados aos vosos sectores específicos), creando un podcast, como están a facer algunhas compañeiras do Coworking de Arenaza en Oleiros, ou calquera outra idea que nos axude a desenvolver unha marca persoal forte que nos faga recoñecíbeis.
7.
A última recomendación para construír unha rede de contactos en zonas menos habitadas implica establecer as conexións, pero tamén mantelas. Deberemos manter o contacto e coidar destas relacións. Como o facemos? Pois dependerá de cada caso e de cada relación en concreto, pero podemos, entre outras cousas: enviar mensaxes ou correos de seguimento despois de coñecer a alguén, interactuar con contidos doutros e outras profesionais nas redes sociais, programar encontros presenciais de forma ocasional…
Como vemos, non fai falta vivir nunha gran cidade para construír unha rede de contactos profesional sólida. Coas estratexias axeitadas, as persoas e profesionais que traballan dende pequenos concellos tamén podemos acceder a novas oportunidades, ampliar a nosa rede e destacar no noso sector, xa que nestes tempos o mundo está máis conectado ca nunca e o talento pode prosperar en calquera pequeno recuncho do planeta.
Que estratexias usas para ampliar a túa rede de contactos? Se tes algunha experiencia que che gustaría compartir, déixaa nos comentarios! E se che parece interesante este artigo, compárteo cos teus contactos!
