TRANSFORMANDO CARA A SOSTIBILIDADE

A comunidade de Montes de Baroña foi clasificada polo Xurado Provincial de Montes de A Coruña o 22 de outubro de 1979 e está formada polos montes Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado pertencentes ós veciños de Baroña (Porto do Son), que abarcan unha superficie de 878 hectáreas de Monte veciñal en Man Común, que son xestionadas democraticamente por 176 comuneiros de forma asemblearia, mediante compromisos de xestión sostible baixo criterios ambientais, sociais, económicos e éticos.
Os obxectivos esenciais da CMVMC de Baroña son a xestión, protección e defensa dos montes dos que é titular, velando pola súa conservación, coidado e integridade, impedindo
a extracción abusiva de calquera dos seus recursos, evitando tanto a degradación como a súa deterioración ecolóxica, garantindo a paisaxe, o ecosistema, e o fundamento da propiedade comunitaria para as xeracións futuras, integrando o monte na vida social da parroquia para o benestar dos seus veciñanza comuneira.

A GANDERÍA
No ano 2006, tras os grandes incendios que asolaron o Barbanza, a Comunidade de Montes de Baroña chega a un punto de inflexión no que se da conta que precisa un cambio de mentalidade para seguir conservando os seus montes: Precisan do gando en extensivo para controlar a biomasa forestal (maioritariamente toxo) e romper a discontinuidade vexetal entre a parte horizontal e vertical das árbores que forman masas continuas de plantacións de piñeiro como herdanza das plantacións realizadas polo Icona e o Patrimonio Forestal del Estado nos anos cincuenta e sesenta do século pasado.
No ano 2009 a Asemblea Xeral aproba a realización dun Proxecto Singular para introducir gando propio nos terreos comunais, asinando un acordo coa asociación de Cabalo de Pura
Raza Galega para a implantación dunha grea, ampliando o numero de équidos na nosa parroquia no ano 2010 trala decisión dos gandeiros limítrofes de desfacerse dos seus animais ó entrar en vigor a obrigatoriedade do uso do microchip.

O progresivo manexo do gando equino e a realización de determinados traballos de desbroce e tratamentos silvícolas nos terreos forestais foi condicionando a progresiva transformación da cuberta vexetal e a aparición de mais vexetación de herbáceas pero tamén outras especies arbustivas coma silvas e xestas, o que os levou a considerar a introdución de outro tipo de gando que dominase mellor esa vexetación, facéndonos cun rabaño de cabras, que a súa vez nos permitiu acceder a diferentes áreas de mato como as pedregueiras e zonas escarpadas da nosa parroquia e xestionar a vexetación existente.
Posteriormente introducen un rabaño de vacas dado que xa había polo monte diferentes zonas de pasto, promovendo no 2020 por parte dunha axuda da Consellería do Medio Rural a realización de 30 Ha de pasteiros, que aportan alimento á gandería pero tamén axudan como cortalumes naturais entre as masas forestais. As razas de vacún introducidas foron as Cachenas pola dureza e rusticidade pero tamén a Vianesa como raza máis cárnica, sendo animais adaptados a climatoloxía e condicións dos nosos montes, traballando sempre baixo o sistema de manexo en extensivo, sen pensos nin antibióticos.
Por último introducen ovellas na súa explotación como recuperación deses animais que antano tiñan nos montes e porque é un animal que aproveita moi ben o pasto que queda
logo de pastorear as vacas, pola mordida máis arrente do chan. O incremento da gandería vaise facendo mediante a recría de todas as femias e a venda dos machos para cebadeiros ou matadoiros por medio de tratantes de gando que non sempre ofertaban un prezo razoable polos animais.
Actualmente contan con:
Cabalos: 150
Cabras: 75
Ovellas: 50
Vacas: 24
Cans de garda: 5

O XURDIR DO CENTRO DE TRANSFORMACIÓN COLABORATIVO ALIMENTARIO DE BAROÑA
O proxecto xurde o abeiro da necesidade de poñer en valor os animais e o traballo dos
traballadores da Comunidade de Montes.
No ano 2018 e 2019 ó ver o baixo prezo da carne de poldro (1€/kg en canal) deciden non
vendelos e encargar a unha carnicería local a elaboración dun lote de embutidos, os cales
foron regalados como agasallos de Nadal para os seus comuneiros. Como o produto final
gozaba dunha boa acollida entre os comuneiros e, ó ver que non se podían mercar mais,
aprobaron en asemblea a elaboración para a venta ó público en xeral de embutidos de
poldro de Baroña.
Por iso no 2020 deciden dar o salto e encargar o mesmo obrador varios lotes de chourizos
para comercializar en diferentes tendas e supermercados da contorna onde, de novo,
tiveron unha gran demanda dos consumidores.

Coa comercialización naceu tamén a necesidade da innovación, os comuneiros querían
elaborar diferentes receitas e formatos, pois demandaban novos produtos, pero dende o
obrador non lles ofrecían esa posibilidade, e é aquí cando xurde a necesidade da
realización dun centro de transformación propio.
Xa no 2022 a Comunidade comeza cos trámites administrativos e legais para adaptar unha
pequena nave que tiña dedicada a almacén, como un obrador, para poder elaborar os seus
propios produtos tanto cárnicos, como vexetais para a transformación de froitos do bosque,
setas, mel, etc que ten a propia Comunidade, solicitando ademais o correspondente
REGASA (Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios).

Coa traxectoria da Comunidade na diversidade de usos e aproveitamentos do monte e mais concretamente coa transformación dos seus produtos, responsables da Deputación da Coruña visitan as instalacións da Comunidade de Montes, e no 2024 a deputada provincial Rosa Ana García mostrou o interese nesta iniciativa por parte da Deputación, propoñendo a transformación dese espazo nun centro de transformación colaborativo de produtos cárnicos para fortalecer o tecido produtivo local, mais aló da Comunidade.

Dende Baroña, son conscientes de que esa é a ruta a seguir para darlle continuidade ó seu proxecto, xa que eles non teñen carga gandeira suficiente para que o proxecto sexa sostible no tempo, sen esquecer a importancia que ten o espazo para poder darlle servizo a toda eses pequenos gandeiros da contorna, ou mais alá, que ademais non dispoñen do tempo, a infraestrutura nin dos medios para levar a cabo este tipo de iniciativas de transformación e valorización de produtos locais, xerando un valor engadido ós produtos finais co consecuente beneficio económico para as economías do rural.
Debido a que as comunidades de montes carecen de personalidade xurídica foi preciso a creación dunha asociación sen ánimo de lucro denominada Asociación Baroña, para poder
afrontar a xestión deste espazo (que lle foi cedido pola Comunidade), así como adherirse á Rede Provincial de Espazos de Traballo, é por iso que a Asociación Baroña aínda está a dar os seus primeiros pasos no duro traballo de formar parte deste proxecto colectivo de transformación e creación de rede entre os diferentes coworkings.
O Centro de transformación colaborativo alimentario de Baroña presenta cambios moi significativos ó respecto do que tiña inicialmente a Comunidade de Montes, pois vai ser dedicado exclusivamente á elaboración e transformación de proteína animal (carnes, peixes, moluscos), podendo realizarse diferentes elaboracións como carne fresca, carnes picadas, hamburguesas, zorzas, embutidos, etc, contando con cámara de secado e afumado, pero tamén ofrecendo un espazo para a realización de receitas e pratos preparados e listos para comer (guisos, conservas, etc) (cuarta e quinta gama) nun espazo diferenciado de cociña adaptado para dito fin.

O centro de transformación ofertará os seus servizos tanto a pequenos gandeiros que queiran elaborar de diferentes formar a carne dos seus animais para consumo propio como a aqueles que queiran conseguir un produto final para a venta con garantías sanitarias, mais tamén se poderá elaborar e transformar produtos cárnicos procedentes de animais de
explotacións próximas en extensivo que cumpran cos estándares de coidado e benestar animal, conservación ambiental, promoción de razas autóctonas, etc, e polos que os produtos finais cumpren coa demanda de certos consumidores conscientes en temas de sostibilidade e consumo responsable.
É importante destacar o carácter innovador do centro de transformación como espazo I+D para os usuarios, que poderán elaborar e transformar a carne das súas explotacións baixo os criterios e desexos particulares, pero sempre atendendo a esixentes estándares de hixiene e seguridade alimentaria que permitirá, por medio do seu rexistro sanitario de ámbito nacional, a comercialización directa ou venta online a calquera parte do mundo.

Que este centro forme parte da Rede de Espazos Coworking da deputación da Coruña axudará a dinamización do centro por medio da realización de obradoiros, talleres ou cursos de formación en elaboración e transformación de produtos cárnicos como o que se está a levar a cabo nestes momentos grazas á colaboración da Deputación de A Coruña, e que conseguiu formar ás participantes en temas de lexislación, identificación, despece e coidados dos diferentes tipos de carnes, elaboracións cárnicas, receitas culinarias, embalaxes e etiquetados, etc, e que tiveron un gran éxito de acollida por parte do público asistente.

Este espazo ten como meta facer todo o posible para transformar de xeito artesanal a carne que procede de animais criados e coidados en pequenas explotacións gandeiras familiares e que seus donos depositan en nós coa confianza de que a imos tratar con coidado e respeto, porque iso redundará nuns produtos finais exclusivos e polos que o consumidor final estará disposto a pagar o prezo marcado que se corresponderá coa calidade demandada, cumprindo cos altos estándares de produción, embalaxe, almacenaxe, distribución e venta.
Queremos que o Centro de Transformación Colaborativo Alimentario de Baroña sexa un referente na elaboración e transformación de produtos cárnicos, pero tamén que funcione
como un motor social e de fixación da poboación no rural coa creación de postos de traballo directos e indirectos, mellorando o tecido produtivo local, promovendo o consumo responsable de produtos de proximidade, a dinamización do sector agrogandeiro, a recuperación de terras abandonadas, a dignificación do sector primario, ofrecendo oportunidades de futuro ós mozos e mozas para que se asenten no rural e lle dean vida.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *