Workaholic, ou cando traballar moito deixa de ser traballar ben

Cada certo tempo, unha palabra inglesa instálase no noso vocabulario común sen pedir permiso. Pasou con freelance, con networking e con burnout, e agora está pasando con workaholic. Non parece algo que vaia mudar a curto prazo, e tampouco hai que darlle moitas voltas, porque as linguas adoitan adoptar as palabras que fan falta, e se un termo se populariza é porque nomea algo que antes non tiña nome claro. Workaholic, que en galego viría sendo persoa adicta ao traballo ou “traballólico”, e pon nome a algo que coñece moita xente autónoma aínda que case nunca se diga así.

Arredor do traballo hai un discurso que premia estar dispoñible todo o tempo e que confunde traballar con non parar. Pero unha cousa é meterse de cheo nun proxecto unhas semanas porque o cliente, o prazo ou o propio traballo o esixen, e outra moi distinta é manter ese ritmo cando xa non hai ningunha razón que o xustifique. Ese segundo caso é precisamente o que describiu Wayne Oates no seu libro Confessions of a Workaholic, publicado en 1971, cando falaba dun comportamento compulsivo e sostido de sobrecarga no traballo que xa non ten que ver con necesidades económicas.

Traballar moito e ser workaholic non son a mesma cousa

Unha autónoma que pasa tres meses de cheo nun encargo importante non é unha workaholic, aínda que ese trimestre perda case todos os fins de semana. Está xestionando un momento intenso pero acoutado, e cando o proxecto pecha volve ao seu ritmo. A persoa adicta, en cambio, segue conectada cando o proxecto xa pechou, ponse irritada cando non ten tarefas pendentes e cústalle aproveitar os ocos libres cando finalmente aparecen.

Os estudos sobre o tema identifican varios trazos que se repiten, como o pensamento obsesivo sobre tarefas pendentes, a dificultade para delegar, a sensación de baleiro cando chega o descanso, as molestias físicas propias do estrés mantido ou a tendencia a identificar quen un é co que fai profesionalmente. O máis rechamante non é que haxa menos tempo libre, que tamén, senón que cando ese tempo chega, xa non se sabe moi ben aproveitalo con calma.

O custo sanitario das xornadas excesivas

A Organización Mundial da Saúde e a Organización Internacional do Traballo publicaron en 2021, na revista Environment International, o primeiro estudo global sobre o impacto das xornadas longas na saúde. As xornadas de cincuenta e cinco horas semanais ou máis asociáronse a 745.000 mortes no ano 2016 por problemas cardiovasculares e ictus, un 29 % máis que no ano 2000. A cifra non fala exactamente de workaholism en termos clínicos, senón de sobrecarga horaria sen máis, pero os dous fenómenos van máis xuntos do que parece.

Os estudos do Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo mostran que en España cada vez lle custa máis á xente desconectar fóra do horario, sobre todo se ten cargo, se traballa por conta propia ou se está en oficios moi pendentes do dixital. A lei recoñece o problema dende hai anos, e a Lei Orgánica 3/2018 blindou o dereito á desconexión dixital, aínda que na práctica se cumpre de maneira moi desigual.

Por que o traballo autónomo é especialmente vulnerable

O problema agrávase cando desaparecen as estruturas que outros traballos dan feitas. Quen está asalariado ten un horario imposto, unha oficina separada da casa, compañeiras que se levantan e marchan e unha rutina externa que marca cando remata a xornada, todo iso que quen traballa pola súa conta non ten. Os límites son difusos, o teléfono está sempre aceso, a clientela espera respostas e a liña entre o tempo propio e o tempo de traballo acaba desaparecendo sen que un se decate.

A iso súmase unha dinámica psicolóxica que adoita pasar desapercibida. Quen traballa pola súa conta tende a pensar que cada hora de descanso é unha hora de ingreso que deixa de entrar, e esa idea convértelle o tempo libre nunha fonte de culpa. O primeiro que se nota é o económico, pero por detrás vanse erosionando a saúde física, as relacións persoais e a capacidade para aguantar no oficio ao longo dos anos.

O que un coworking pode achegar (e o que non)

Un coworking non resolve por si mesmo unha adicción ao traballo xa instalada, que require atención profesional especializada. Pero pode axudar a previr o problema, porque cambia varias cousas na rutina diaria.

Saír pola mañá da casa, facer un traxecto e traballar nun sitio distinto do salón marca unha fronteira clara entre o tempo de traballo e o resto do tempo. Ao rematar a xornada recolles, sales e marchas. Ese xesto tan sinxelo é unha das mellores proteccións fronte ao traballo que se mete na casa e xa non sae dela.

Ao teu redor hai outras persoas que entran, traballan e marchan ao seu ritmo, e iso axúdache a non perder a noción do tempo. Se quedas sempre a última, alguén o nota, e ese simple feito pode funcionar como un aviso discreto. Cando traballas só na casa ese aviso non existe, e a noite pode estirarse sen que nada o rexistre.

Nos espazos vinculados á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña adoita falarse, ademais da clientela e dos prazos, tamén de descansos e de límites. Escoitar a outras persoas falar así axuda a verlle o sentido a parar.

O límite do que un contorno pode facer por ti

Un coworking axuda, pero non fai milagres. Non substitúe a decisión persoal de poñer límites nin a axuda profesional cando o problema xa pasou dos primeiros síntomas. Se a sobrecarga vén con insomnio continuado, irritabilidade, malestar físico ou afastamento das persoas que antes te sostiñan, o mellor é falar cun profesional da saúde mental, porque un cambio de mesa de traballo non chega.

A pregunta que importa non é se un traballa moito ou pouco, que iso depende do momento profesional. O que hai que preguntarse é se queda algo de un fóra do traballo, se hai vida fóra do oficio, e se un é quen de descansar sen culpa cando se abre un oco libre.

Coidar a saúde como condición do oficio

Falar do traballo en termos de saúde, e non só de produtividade, é unha das conversas máis urxentes que ten pendentes o mundo autónomo. Os datos sobre o impacto das xornadas longas son claros, e coidarse non é algo que se poida deixar enteiramente en mans das leis nin do sitio onde un traballa. Que a palabra workaholic se puxese de moda antes de que o tema entrase na conversa pública sobre saúde laboral di algo do tempo que tardamos en pasar do diagnóstico á acción.

Se levas tempo notando que o traballo che comeu espazos que non deberían ser seus, e queres probar unha rutina con límites máis claros e con xente arredor sen perder a independencia, pásate algún día polo Coworking A Capela. Á primeira visita, sen compromiso, pode que vexas que cambiar de sitio para traballar axuda máis do que parece.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *