A Fusquenlla en fase de crecemento

Centro de Transformación Agroalimentaria dos municipios de Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Valdoviño, Narón, Cedeira e As Pontes

1. Alumnado do CPI de San Sadurniño prepara exquisitos petiscos con produtos da Fusquenlla

O alumnado de 4º da ESO do CPI de San Sadurniño este ano escolar tivo a sorte de desfrutar entre fogóns participando nun obradoiro de cociña conducido polo chef Alehjandro Iglesias, do restaurante-tapería Dúas liñas de Arzúa. Este restaurante iniciou a súa andaina antes do verán cun compromiso decidido pola elaboración de pratos innovadores e da máxima calidade botando man de produtos de quilómetro cero. En San  Sadurniño, Iglesias e as mozas e mozos do CPI puxeron en práctica esa filosofía empregando, entre outros, kétchup, salsa doce de pementos e zume de mazá saídos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla.

A idea xurdiu dunha proposta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, quen está desenvolvendo coa rapazada e a mocidade o proxecto europeo “People&Planet”, de cara a implicar a xente nova no necesario cambio cara á sostenibilidade ambiental e social. Neste sentido, a través da preparación dos platos con materia prima local, o alumnado descubriu a importancia dunha alimentación equilibrada e saudable, pero tamén de apostar polos produtos de proximidade.

2. Cedeira, Narón e As Pontes formalizan a adhesión á Fusquenlla

Os representantes dos gobernos locais de Cedeira, Narón e As Pontes asinaron en Moeche o seu compromiso de adhesión ao proxecto do Centro de Transformación da Fusquenlla. Desta xeito xa son sete os municipios implicados na xestión deste espazo compartido. A Fusquenlla procura a ser o referente no norte da provincia para a elaboración de distintos tipos de envasados de froita, horta e mel, así como un polo de dinamización económico baseado na transformación de excedentes da máxima calidade, ademais de todas as garantías sanitarias e de trazabilidade alimentaria.

O Centro estase a integrar, con determinación, na estratexia do Xeoparque do Cabo Ortegal como unha das iniciativas “bandeira” en canto á promoción do desenvolvemento local que deben poñer en práctica os territorios UNESCO.

3. Iniciación do cuarto curso da Fusquenlla

A Fusquenlla iniciou no mes de marzo unha nova acción formativa para capacitar ás produtoras e produtores da comarca tanto no manexo do equipamento como nas técnicas de transformación e envasado alimentario. Trátase do cuarto curso deste tipo que se ofrece co obxectivo de seguir ampliando a base social dun proxecto co que se busca dinamizar a economía da zona apostando polos produtos de proximidade, da máxima calidade e con todas as garantías sanitarias.

Neste primeiro curso de 2024 participan un total de 20 persoas, admitidas a partir do listado de agarda das solicitudes rexistradas ata ese momento. Conta con 3 xornadas de 4 horas teóricas que se desenvolveron na Casa da Xuventude de San Sadurniño e 4 xornadas de 4 horas eminentemente prácticas que se desenvolverán no obrador da Fusquenlla. Esta formación de 28 horas de duración habilitará ás persoas que a realicen, e superen un exame final, para poder transformar no Centro xa que abordan temáticas fundamentais para o proceso de transformacións como a hixiene e manipulación de alimentos, a contaminación dos alimentos e as intoxicacións alimentarias, a desinfección, a trazabilidade e a prevención de riscos laborais, entre outros.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *