Necesidades e usos do Coworking da Pobra

Espazo de coworking ubicado no Concello da Pobra do Caramiñal.

Na entrada anterior falabamos de que o Coworking da Pobra era moito máis que un espazo. As necesidades das persoas emprendedoras non se reducen á ocupación dun espazo físico, senón que valoran o apoio durante a análise da viabilidade do proxecto empresarial e o acompañamento na posta en marcha.

No caso das persoas que xa deron o paso de constituír a empresa ou darse de alta como empresariais individuais, as necesidades de asesoramento están máis dirixidas á orientación en canto á planificación e acción comercial, procedementos para presentarse a concursos públicos ou establecer acordos de colaboración con outros profesionais e empresas.

Tanto os servizos de asesoramento como algunhas das tarefas relacionadas co desenvolvemento da actividade empresarial, en moitos casos non requiren dun posto de traballo fixo, senón do uso da sala de reunións ou da sala de formación e usos múltiples.

O uso que cada persoa fai do coworking responde ás circunstancias persoais e as necesidades profesionais que cada proxecto empresarial require. Polo tanto, hai persoas que prefiren traballar na casa para poder conciliar coa familia cando teñen persoas dependentes, pero precisan da sala de reunións para reunirse coa clientela. Hai outras persoas que ofrecen formación fóra do coworking ou o proceso de traballo require de traballo de campo que fai que se teñan que ausentar do coworking durante días ou semanas.

Tamén hai casos nos que compartir o espazo non é cómodo para quen precisa manter conversas privadas, para quen necesita silencio e concentración para traballar, para quen necesita equipos informáticos ou tecnolóxicos de valor ou manexa información sensible que debe manterse custodiada nun espazo individual e baixo chave.

Todas estas limitacións, necesidades e tipos de usos que sen fan por parte das persoas usuarias nun espazo de traballo colaborativo, deben terse en conta para analizar as posibilidades de adaptación dese espazo ás necesidades reais de persoas emprendedoras e empresarias.

Adaptación e versatilidade no uso dos espazos

Tendo en conta todas estas circunstancias en canto ao uso dos espazos e o tamaño reducido do coworking que no caso da Pobra só contempla oito postos de traballo fixos e dous postos de traballo nómades, decidiuse, despois dunha reunión cos coworkers, que os postos de traballo non estiveran adxudicados a persoas concretas, senón que as persoas poidan facer uso dos postos de traballo libres en cada momento.

En canto aos espazos comúns, é necesario un esforzo de coordinación para a reserva a través dun calendario virtual compartido, de maneira que cada coworker pode ver en tempo real os días e horas nas que están ocupadas as salas de reunión, formación, usos múltiples, etc.

Con este cambio conséguese adaptar e promover un uso racional dos servizos e dos espazos segundo as necesidades reais das persoas usuarias, aumentar o número de coworkers activos que supera os 10 postos de traballo inicialmente contemplados, e manter o espazo aberto e con actividade constante, un dos retos a superar dende que se iniciou a actividade no Coworking da Pobra.

Necesidade de atención e compromiso por parte do concello

Estas adaptacións dos espazos ás necesidades reais dos coworkers non sería posible sen o compromiso real do persoal político responsable do concello da Pobra.

As reunións semanais para analizar as limitacións do espazo, as necesidades reais de uso por parte dos coworkers e o seguimento e control deste servizo municipal, son actividades clave para buscar a forma de que a xestión e a dinamización do Coworking dea resposta ás expectativas das persoas usuarias e do concello.

Finalmente, cabe destacar que os procesos participativos e as reunións cos coworkers tamén permiten deseñar estratexias de mellora a medio e longo prazo. Na última reunión onde estaban presentes as persoas usuarias e os responsables técnicos e políticos do concello, analizouse a forma de ampliar o Coworking para incorporar novos despachos, unha sala audiovisual para gravacións en vídeo ou cabinas individuais para poder realizar chamadas telefónicas con privacidade. Isto require dun investimento considerable, pero cando existe implicación e compromiso por parte do concello, vanse dando pasos e tomando decisións con sentidiño e os resultados son notables.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *