Espazo de coworking ubicado no Concello de Boiro.
No ano 2024 inaugurouse o novo ciclo do Viveiro de empresas e Coworking Lab Barbanza, coa chegada dun grupo de iniciativas comprometidas coa tecnoloxía, a sustentabilidade e a creatividade empresarial.
Proxectos tecnolóxicos
As iniciativas localizadas no viveiro baixo a modalidade de incubación, ocuparán as modernas instalacións de Espiñeira nun espazo pensado para potenciar os proxectos tecnolóxicos, a creatividade e a colaboración entre profesionais e empresas.
Entre os novos inquilinos do Lab Barbanza destaca unha “Start up” cun enfoque tecnolóxico orientado a mellorar os procesos industriais e de cultivo. A través dun sistema de captura de datos a través do IOT, “o Internet das cousas”, conseguen ofrecer solucións innovadoras que permiten integrar a perspectiva sostible.
Precisamente ese enfoque sostible é o que leva a desenvolver esta tecnoloxía baseada no IOT, optimizando prácticas sostibles no agro, na xestión de recursos hídricos e a conservación de ecosistemas mariños mediante o deseño dun software propio con diferentes funcionalidades.
Sinerxias no ámbito empresarial
Outra das iniciativas que tamén se unirá á comunidade é unha “Spin Off” que contará co respaldo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), promovendo así a sinerxía entre o ámbito académico e empresarial.
Un dos aspectos salientables desta iniciativa tamén é o compromiso coa sustentabilidade, dado que se trata de aproveitar as algas que chegan á costa e que en moitas ocasións supoñen un problema para o marisqueo.
Dende a recollida e limpeza do argazo ata a transformación nas instalacións do Lab Barbanza, conséguese optimizar as propiedades deste recurso para ser utilizado, entre outras cousas, como fertilizante.
Outro proxecto innovador que se incorpora ao Lab Barbanza busca optimizar o marketing off-line a través da utilización creativa de fachadas, baixos e elementos urbanos como soportes publicitarios. Unha perspectiva vangardista que explora novas maneiras de conectar coa audiencia nun entorno físico.
Segundo as disposicións do regulamento do viveiro de empresas e coworking Lab Barbanza, as compañías, que poderán facer uso destas instalacións durante un período máximo de dous anos, tamén terán a oportunidade de participar nas diversas accións promovidas polo concello para dinamizar e dar visibilidade ao espazo, que conta con oficinas, salas de formación, espazos de traballo colaborativo, sala de xuntas, servizo de reprografía e mesmo un ximnasio.
En próximas publicacións ampliaremos a información sobre estas iniciativas que de seguro serán unha referencia e modelo de inspiración para as persoas emprendedoras de dentro e fóra da comarca.
A seguinte parada será a de poñer en marcha as colaboracións entre as persoas promotoras destas iniciativas, para o que está prevista a primeira reunión de xeración e maduración de ideas colaborativas.
Manterémosvos informados/as dos avances!!