O traballo en equipo

Espazo de coworking A Estación ubicado no Concello de Vedra

O traballo en equipo

Non todas as persoas necesitamos saber facer de todo. Isto parece unha reflexión evidente. Hai cousas que, se non as sabemos facer, buscamos a alguén que teña a capacidade, coñecementos, aprtitudes, etcétera, para facelo. Por exemplo, se alguén ten un problema coa sola dos seus zapatos favoritos e quere arranxalos pode: tentar arranxalo pola súa conta; ou, por exemplo, pode botar man dunha zapateira ou zapateiro. Esta segunda opción, que vemos con total normalidade, non difire da esencia do traballo en equipo e, polo tanto, podemos extrapolala ao ámbito das relacións de traballo. É dicir: hai alguén que, grazas á súa labor, permite complementar as miñas capacidades, todo en prol dun obxectivo común.

Non obstante, o traballo en equipo, inda que parta desa premisa, non resulta tan doado como simplemente contar con persoas con capacidades complementarias.

Compartir tarefas con outras persoas en contextos diferentes, non asegura necesariamente un traballo en equipo. De feito, falando de traballo en equipo, unha persoa ten talento só se é capaz de crear valor dentro do grupo. O talento nace da interacción entre diferentes persoas e os resultados dun rendemento óptimo só se acadan a partir desa interacción.

O problema básico non é a dificultade técnica para levar a cabo unha tarefa. O problema básico do traballo en equipo xorde da esixencia de ligar diferentes vontades, xestionar distintas percepcións e manexar ocupacións diferentes con distintos niveis de implicación e compromiso.

A eficacia persoal no traballo en equipo está relacionada coa utilización dunha serie de habilidades ou subcompetencias que se poden aprender. En consecuencia, para traballar dun modo adecuado dentro dun equipo hai que facelo dunha determinada maneira.

En termos xerais, a complexidade é ineficaz. É unha perda innecesaria de tempo, de atención e de enerxía mental. Nunca hai (ou debería haber) xustificación algunha para que os cousas sexan complexas, sempre que poidan ser sinxelas.

O cerebro humano fai todo o poisble por simplificar a vida establecendo patróns de rutina para a percepción e a acción. Unha vez identificamos o patrón fluimos con el sen facer maior esforzo.

É habitual que exista a posibilidade de que haxa unha forma máis simple de facer as cousas, pero a comodidade ou a rutina poden supoñer un contrapeso que faga conformarnos co que hai.

Enténdase: non hai nada malo en que alguén, no seu ámbito e esfera persoal prefira accións complexas a outras máis sinxelas, polo propio pracer de facelo e empregar así o seu tempo persoal. Pero en materia de negocios ou actividade profesional esas rutinas e comodidades poden impedirnos ver que exista unha alternativa que reduza tempos de traballo, mellore a eficiencia no mesmo e nos permite dispoñer de tempo e recursos para outras labores (profesionais ou meramente vitais, como dispoñer de máis tempo libre).

Sempre paga a pena investir tempo en pensar e facer un esforzo creativo para tentar atopar un enfoque máis simple. As cousas sempre tenden cara á complexidade, non cara á simplicidade.

As persoas acostumadas á complexidade xa non son conscientes de ela e incluso engaden máis elementos, aumentando inda máis a dificultade. A pouco que pensemos é doado que nos veñan á memoria casos nos que isto é así.

Equipo de traballo e traballo en equipo

Un equipo de traballo defínese como o conxunto de persoas cuxas habilidades se complementan entre si e traballan para a consecución dunha serie de obxectivos comúns dos cales son responsables.

O traballo en equipo refírese á serie de estratexias, procedementos e metodoloxías que se utilizan para lograr as metas propostas. A isto hai que sumar as actitudes, comportamentos e formas de facer as cousas que teñen as persoas integrantes do equipo para interactuar entre elas e aplicar eses métodos e procederes.

Un grupo de persoas non é un equipo de traballo. Para que un grupo de persoas funcione como un equipo de traballo este ten que reunir unha serie de características:

A primeira é que debemos ter un obxectivo común definido. A totalidade de compoñentes do equipo teñen que dirixir os seus esforzos e tarefas cara unha meta ou resultado final establecido, unha meta que ten que ser a mesma para todas as persoas que conforman o equipo.

En segundo termo, débese manter unha determinada interdependencia entre as diferentes tarefas a realizar polos diferentes persoas do equipo.

En terceiro lugar, hai que compartir as responsabilidades sobre os resultados acadados. O resultado parcial dalguén do equipo por si só ten un valor relativo, tendo en conta que o verdadeiro valor engadido está no resultado xerado polo equipo, pois todo o equipo é responsable dese resultado final.

Por último estímase necesario que exista unha percepción efectiva sobre o equipo de traballo. Dito doutro xeito, as propias persoas integrantes teñen que percibir a idea de que forman un equipo.

Malas e boas prácticas en materia de traballo en equipo

Existen comportamentos e accións que son detonantes de malos resultados e que consideraremos, por tal motivo, malas prácticas. Por exemplo:

  • Romper a dinámica de grupo. Crear enfrontamentos persoais entre as persoas que o integran. Pódese aceptar unha discusión profesional: é o normal. Pero non se debe levar nunca ao terreo persoal.
  • Rexeitar absolutamente as posturas das demáis persoas do equipo. Non se pode manter unha postura inflexible. Sempre se ten un motivo ou outro para elixir unha posición ou outra. Débese escoitar a argumentación e valorala sen prexuízos.

A receita dun bo equipo de traballo pode ter moi variados ingredientes, como veremos a continuación. Considerariamos boas prácticas, por exemplo:

  • Analizar de modo obxectivo os motivos, os intereses e as verbalizacións das persoas compañeiras de traballo.  Hai que centrarse nos feitos e non no contexto que os rodea.
  • Facer un esforzo por atopar aqueles puntos de vista nos que se coincide. Hai que considerar o que se comparte en vez de fixarse no que separa.
  • Procurar buscar alternativas para entender as posicións das persoas compañeiras e a súa forma de ver as cousas.
  • Que exista unha cadea de autoridade (non de poder). A autoridade ven dada por saber que facer nese eslabón da cadea.
  • Que se escolla ben ás persoas líderes.
  • Que se fomente a participación.
  • Que se teña en conta as fortalezas e debilidades de cada persoa do equipo.
  • Que se aproveite a complementariedade: que o teu aporte supla as miñas debilidades.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *