A importancia dos espazos colaborativos de transformación agroalimentaria

Rede provincial de espazos de traballo colaborativo.

Introdución

O Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, posto en marcha en 2016, é a maior aposta polo emprego e o emprendemento xamais realizada na historia da Deputación. Ao longo destes anos ten ido medrando ata converterse nun instrumento estratéxico para mellorar a empregabilidade e o emprego na provincia.

Dentro do PEL, impulsouse unha Rede Provincial de Coworking, que comezou o seu funcionamento en 2019 e que a día de hoxe conta xa con 11 centros de traballo colaborativo adheridos, espallados por toda a provincia.

Cada centro está especializado no sector ou sectores máis puxantes da súa contorna. De aí que dous deles están especializados no sector primario e son centros de transformación agroalimentaria: Transformando en Brión, inaugurado en 2019 e que foi pioneiro en Galicia, e A Fusquenlla, en Moeche.

Vantaxes dos obradoiros compartidos

Os obradoiros compartidos de transformación agroalimentaria supoñen a solución perfecta a cuestións como:

  • os elevados investimentos que suporían para pequenos produtores ter que mercar a maquinaria ou alugala
  • a uns requisitos legais cada vez máis esixentes para a obtención do rexistro sanitario
  • ás fortes barreiras de entrada á comercialización, xa que, se non existisen estes centros, os pequenos produtores deberían contar con intermediarios, vendo deste xeito reducidas as súas marxes de beneficio
  • a que non perda a tradición, a nosa cultura culinaria, os saberes e os sabores da nosa terra

Obxectivos da posta en marcha de espazos de transformación colaborativos

1.Aproveitar os excedentes agrarios e impulsar as economías familiares rurais, mellorando deste xeito a cohesión social na provincia

2. Acadar a sustentabilidade económica das pequenas explotacións agrícolas

3.Poñer en valor a produción tradicional como exemplo de economía circular e impulsar a innovación no sector agropecuario como sector estratéxico a nivel provincial

4. Apoiar e impulsar o emprendemento e a creación de novas empresas e fomentar o asociacionismo

5. Promover un sistema alimentario sostible e saudable

6. Facer fronte ao reto demográfico

7. Coidar e preservar o medio ambiente

A aposta da Deputación da Coruña polo rural

Os obradoiros compartidos constitúen unha firme aposta polo rural e polos pequenos negocios, facendo viables as pequenas explotacións e proporcionando unha opción de emprendemento e autoemeprego que mantén un tecido económico, social e cultural no rural, evitando así o despoboamento e preservando o seu patrimonio.

Os obradoiros que impulsamos dende a Rede permítenlles ás pequenas produtoras e produtores do sector agroalimentario ter acceso a todo o que precisan para desenvolver a súa actividade, xa que nos centros se lles proporciona apoio e formación en todo o proceso de transformación dos produtos do campo, facilitando ás pequenas explotacións as garantías sanitarias, de procesamento, envasado e etiquetaxe dos produtos abrindo a porta ao proceso de comercialización sen necesidade de contar con intermediarios.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *