Espazo de coworking ubicado no Concello de Brión, especializado na transformación.
O outono é época de colleitas nas leiras, hortas e montes e as actividades de transformación de alimentos no espazo de traballo colaborativo Transformando en Brión vólvense intensas.
Actividades de transformación
Durante esta estación o uso por parte das persoas usuarias do centro nas liñas de elaboración e transformación de cereais e vexetais, e da AULA é moi elevado. Grazas ao innovador sistema de acceso ao centro de transformación agroalimentaria as coworkers poden acudir a transformar as fins de semana e ata polas noites.
Ademais, neste último mes, un novo grupo de 24 persoas formáronse para o emprego da maquinaria do coworking en temas relativos á seguridade e á saúde laboral, manipulación hixiénico-sanitaria de alimentos, ferramentas informáticas de xestión e uso das cociñas, manexo de equipos e máquinas para elaborar conservas, rastrexabilidade alimentaria, limpeza sanitaria de superficies de traballo con alimentos e prácticas de elaboración de conservas e masas.
Actividades de promoción e difusión
Durante este outono o centro Transformando en Brión organizou, en colaboración co INORDE, Centro agroforestal de Riós, un evento para dar a coñecer o cultivo das castañas e os produtos que se poden elaborar nas dúas liñas de produción do coworking con este produto dos nosos bosques.
Ademais, no marco do evento Pasabodegas, realizouse unha exposición e degustacións elaboradas no centro para o GDR Terras de Compostela.
Por outra banda, o 10 de novembro, no marco da participación do coworking no Grupo de investigación ESCULCA da USC, o centro de transformación acolleu o evento Redes rurais, educación e cooperación para outro desenvolvemento dentro do V Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, que busca fomentar o encontro entre entidades rurais, alumnado e profesorado que teñan interese na posta en práctica da metodoloxía Aprendizaxe-Servizo vinculada ao medio rural. Este encontro está recoñecido como actividade formativa pola USC para o estudantado polo Servicio de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU). Tras o evento serviuse un xantar común proporcionado pola Asociación Daquí Darredor.
Visitas e intercambios de boas practicas
A comezos do mes de novembro o coworking Transformando en Brión recibiu a visita ás súas instalacións dun grupo de 50 mulleres labregas pertencentes á Coordinadora de Organizacións Agrarias y Ganaderas de España, chegadas de distintas partes do territorio español: de Andalucía, A Rioxa, Aragón, Canarias, Castela León e Galicia, co ánimo de promover espazos colaborativos nos seus territorios e a fin de coñecer os pormenores da xestión, organización do traballo e proceso de construción e equipamento do de Brión.