Espazo de coworking A Estación ubicado no Concello de Vedra
Nun mundo cada vez máis complexo, a simplicidade convértese nun dos valores chave a ter en conta. Adoita haber unha forma máis sinxela de facer as cousas, pero para iso é preciso que se faga o esforzo de buscala.
A simplicidade non é algo que se dea por si soa. De feito, a simplicidade é fácil de usar pero non cabe dúbida que pode ser difícil de deseñar. Para ese deseño son necesarios, cando menos, dous factores:
- O primeiro, é que hai que ter algo de creatividade.
- O segundo, é a vontade. A simplicidade (si ou si) hai que querer buscala.
Mala práctica…
Para falar de “mala práctica” nesta materia faremos alusión á complexidade, por ser o reverso desa busca da simplicidade da que se fala no título.
En termos xerais, a complexidade é ineficaz. É unha perda innecesaria de tempo, de atención e de enerxía mental. Nunca hai (ou debería haber) xustificación algunha para que os cousas sexan complexas, sempre que poidan ser sinxelas.
O cerebro humano fai todo o poisble por simplificar a vida establecendo patróns de rutina para a percepción e a acción. Unha vez identificamos o patrón fluimos con el sen facer maior esforzo.
É habitual que exista a posibilidade de que haxa unha forma máis simple de facer as cousas, pero a comodidade ou a rutina poden supoñer un contrapeso que faga conformarnos co que hai.
Enténdase: non hai nada malo en que alguén, no seu ámbito e esfera persoal prefira accións complexas a outras máis sinxelas, polo propio pracer de facelo e empregar así o seu tempo persoal. Pero en materia de negocios ou actividade profesional esas rutinas e comodidades poden impedirnos ver que exista unha alternativa que reduza tempos de traballo, mellore a eficiencia no mesmo e nos permite dispoñer de tempo e recursos para outras labores (profesionais ou meramente vitais, como dispoñer de máis tempo libre).
Sempre paga a pena investir tempo en pensar e facer un esforzo creativo para tentar atopar un enfoque máis simple. As cousas sempre tenden cara á complexidade, non cara á simplicidade.
As persoas acostumadas á complexidade xa non son conscientes de ela e incluso engaden máis elementos, aumentando inda máis a dificultade. A pouco que pensemos é doado que nos veñan á memoria casos nos que isto é así.
… VS. boas prácticas
Sería mellor simplificar un proceso que ensinar á xente a facer fronte á complexidade. Unha vez se establecese a simplicidade como valor chave, poderemos mellorar nesa dirección.
A complexidade implica un esforzo descentrado. A simplicidade implica un esforzo centrado. Os sistemas sinxelos son máis fáciles de instalar, de controlar e reparar. Os procedementos simples aforran tempo, diñeiro e enerxía.
A simplicidade é importante como valor desexado, pero é inda máis importante como hábito mental permanente, como un estilo de pensamento.
A complexidade como negocio
Existen algunhas razóns de por que moitas persoas se deleitan coa complexidade e rexeitan a simplicidade. A forma máis sinxela de ser “superior” é finxir que se entenda o que outras persoas non poden comprender. Para iso necesitase complexidade.
Os asuntos aparentemente complexos proporcionan traballo a quen interpreta esa complexidade. As cousas sinxelas eliminan esa función.
Por tanto non é difícil atopar quen nos “venda” produtos ou servizos revestidos de moita literatura, con palabras con significado complexo ou indefinido, que permitan explicacións e retóricas enrevesadas ou ambiguas. Se só esas persoas comprenden a totalidade do que queren dicir ou facer, existirá a posibilidade de que esa falta de transparencia implique “pagar de máis” por ese servizo ou produto.
Un recurso no cal investir
Achar vías máis sinxelas de chegar ao mesmo resultado non só xera unha vantaxe competitiva polo propio feito de adicar menos tempo e recursos para facer o mesmo. Atopar esa alternativa menos complexa operará como un investimento do cal nos beneficiaremos a curto, medio ou longo prazo.
Poñámonos en contexto. Se, por exemplo, semanas máis tarde atopámonos en situacións total ou parcialmente idénticas ou similares, o traballo previo (ese investimento “intelectual”, por chamalo así, de atopar vías máis sinxelas) poderemos empregar mecanismos, procesos, etc, ben directamente, ben por analoxía, que nos permitan tamén optimizar tempos, recursos…
Interpretando mal a simplicidade
Dito o anterior hai unha advertencia que é obrigado facer: a simplicidade da que falamos debe servir para acadar o mesmo obxectivo, sen minguar a calidade do proceso e do resultado. É dicir, o simple debe ser sinónimo de doado, sinxelo, fácil de entender e aplicar. Nunca debe ser sinónimo de descoidado, vulgar, incompleto ou incluso inxenuo.
A simplicidade antes do entedemento é simplista. A simplicidade despois do entendemento é simple.
Para simplificar un tema realmente é preciso coñecelo moi ben.