Transformando en Brión, un espazo de traballo colaborativo diferente

Daquí darredor é un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas e gandeiros. Este proxecto está promovido polo Concello de Brión, a Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela.

En outubro do ano 2017 xurde a idea de poñer en marcha no Concello de Brión, un espazo colaborativo vencellado ao sector primario para a transformación de alimentos.

O proxecto

Este proxecto nace ao abeiro da necesidade manifestada por un grupo de pequenos e pequenas produtoras das comarcas do Barbanza, Sar e A Maía de contar cun espazo con rexistro sanitario para poder vender os seus produtos de horta e froita elaborados.

Habilitar a nivel persoal un espazo deste tipo para contar cun rexistro sanitario facíase inviable debido ao elevado investimento que supuña. Se ben, esta demanda fíxose realidade grazas ao apoio e ao financiamento da Deputación da Coruña, do GDR Terras de Compostela e do Concello de Brión.

Inaugúrase o espazo colaborativo o 13 de decembro de 2019 no Centro Comercial Monte Balado. O espazo está divídese en catro zonas de traballo: un obrador para a transformación de masas, un obrador para a transformación de froitas e hortalizas, unha zona para esterilización e unha aula de formación.

Paralelamente as produtoras e produtores, así coma os promotores do espazo, crean no ano 2018 a Asociación Darredor. Dende no momento da creación desta asociación o desenvolvemento deste proxecto organízase e xestiónase de xeito conxunto e en colaboración moi estreita entre esta e o concello de Brión.

Catro anos despois da inauguración, o espazo colaborativo está funcionando a pleno rendemento tanto no aspecto formativo como na elaboración de alimentos, sendo empregado na actualidade por unhas 130 persoas ao longo do ano en función dos cultivos de cada tempada.

Especial incidencia ten este coworking na provincia da Coruña, xa que, ademais de ser o primeiro do sector agrario, está servindo para recibir a persoas e pequenas empresas interesadas na fórmula colaborativa para a elaboración de alimentos a nivel de todo a comunidade galega, así como en foros a nivel estatal.

A persoas

Transformando en Brión é, dende o seu primeiro momento, un proxecto pensado para que a xente o autoxestione, co apoio das administracións implicadas dende o inicio.

A raíz das xuntanzas que se realizaron tanto con produtoras e produtores, como co público en xeral, dende 2018 comezouse a traballar de xeito continuado cun grupo de persoas fortemente implicadas co proxecto, que cren nel e nas súas posibilidades de futuro: uns dende o punto de vista da produción, xa que vén no espazo colaborativo unha moi boa oportunidade para poder mellorar a súa economía familiar e futuro laboral; e outros desde o punto de vista das consumidoras e consumidores, que ven nel un espazo no que poder mercar o produto que consumen nun mercado local, próximo e coa confianza que supón coñecer ás persoas que producen e a orixe do produto.

A día de hoxe, a asociación conta con 68 persoas asociadas, das que 45 son mulleres e 23 homes. Destas 48 persoas asociadas, 51 son socias e socios elaboradores, 15 son colaboradores e colaboradoras e 2 son empresas.

O ámbito xeográfico que abarca a asociación é o Concello de Brión pero tamén concellos da comarca de Santiago, Barbanza, Sar-Ulla. En concreto: A Baña, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Ames, Boiro, Brión, Cambre, Cuntis, Curtis, Mazaricos, Muxía, Negreira, Noia, Oleiros, Oroso, Outes, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Rois, Santiago, Val do Dubra, Vedra e Vigo.

Así mesmo, entre a xente da asociación estanse a dar sinerxías que fan que realmente o espazo colaborativo teña ese funcionamento esperado como coworking.

As iniciativas

Transformando en Brión estase a converter nun fervedoiro de ideas e proxectos dos que parte deles desembocan en plans de futuro laboral e económico para estas persoas.

Entre as iniciativas xa incubadas e desenvoltas destacan as seguintes: o abastecemento de froitas e hortalizas transformadas e frescas ao concello de Ames (rede de comedores escolares), proxectos de transformación de froitas en zumes, proxectos de elaboración de pastas artesáns e repostería, un proxecto de elaboración de zume e vinagres de mazá, un proxecto de procesado de cabazas para os comedores escolares de Ames, un proxecto de fermentados de froitos secos, un proxecto de elaboración de crema de cacahuete, un proxecto de pratos cociñados para ter un novo rexistro sanitario no espazo que permita servir comidas elaboradas a clientes locais iniciado por MESQUITEIRAS S.L., un proxecto para venda de conservas vexetais, un proxecto para venda de plantas aromáticas deshidratadas, un proxecto para a venda de cogomelos deshidratados, un proxecto para a venda de comida vegana ecolóxica, un proxecto para a venda de panadería e pastelaría para festivais de verán, un proxecto de venda de conservas gourmet para glamping, un proxecto para a venda de untables vexetais, o proxecto ONDE KEIRAS, para elaborar conservas de tempada para restaurante propio e un proxecto para elaborar produtos para almorzos en cafetarías.

Mercado labrego

Desde xullo do 2021, e como acción de promoción dos produtos e empresas do espazo colaborativo,  lévase celebrando o Mercado Labrego de Brión, no que tamén teñen cabida os produtos artesáns, os libros e postos de segunda man das comarcas limítrofes.

O obxectivo é ir dando a coñecer as iniciativas, os produtos e as persoas da contorna do coworking, así como atender a aquelas persoas que teñen interese por coñecer o funcionamento das cociñas pioneiras de Brión como espazos comúns de traballo, dinamizando e animando a outras administracións ou empresas que queren emprender proxectos similares.

O mercado celébrase todos os venres pola tarde no espazo Transformando en Brión.

Ademais, cada ano, coincidindo co mes das Festas de Santa Minia, celébrase unha feira labrega na que ademais dos postos habituais do mercado, tamén se convidan a persoas e empresas labregas e artesáns de toda a provincia de A Coruña. Este ano, celebrarase o venres 15 de setembro pola tarde.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *