Espazo colaborativo en Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño.
A Fusquenlla é un centro de apoio ao desenvolvemento rural orientado á transformación alimentaria de produtos do agro que iniciou a súa actividade en outubro do ano 2021 e foi promovido por catro concellos: Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, con axuda do Programa Leader-Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellería do Medio Rural.
É un espazo de coworking singular, focalizado na elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas e mel, entre outros.
Grazas a este espazo de traballo colaborativo pequenas explotacións e particulares da provincia poden procesar as súas colleitas e proceder á súa venda sen necesidade de intermediarios, ou ben poden transformar os produtos para autoconsumo. Desta maneira contribúese a complementar as economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento no territorio.
O coworking do sector primario
O centro dispón no seu andar baixo dunha zona de recepción e preparación de produtos, dotada dunha báscula de pesado, cámara de almacenamento e un espazo onde mesmo se pode facer unha primeira clasificación e limpeza da materia prima antes de iniciar o proceso de transformación ou envasado. A área ten dous accesos principais desde a rúa: un directo ao espazo de pesado, lavado e cámara, e outro que dá directamente á ala dedicada ao mel. As estancias complétanse con vestiarios, aseos, recunchos de almacenaxe de material de limpeza e outros equipamentos, así como unha pequena oficina para os rexistros obrigatorios.
A Fusquenlla divide o seu espazo en dúas liñas de produción: por unha banda a de conservas e zumes; e, por outra banda, a de mel.
Todas as estancias do edificio deseñáronse para facilitar a limpeza e garantir unha hixiene total, en cumprimento da estrita normativa de seguridade alimentaria.
Máis de 50 persoas formadas para a utilización da maquinaria
A Fusquenlla ofrece ao longo do ano cursos de capacitación técnica obrigatoria para aquelas persoas que queiran utilizar o centro, que non se limita unicamente á veciñanza dos catro concellos promotores senón que está aberto a calquera persoa interesada.
Trátase de cursos dunhas 60 horas de duración con contidos teóricos e prácticos que abordan principalmente a hixiene e manipulación de alimentos e as técnicas de conservación, ademais do manexo con seguridade de todo o equipamento co que contan as instalacións.
Até o momento lévanse impartido tres accións formativas, ás que asistiron máis de 50 persoas dun total de 100 solicitudes.
Alén dos cursos de capacitación principal tamén se ofrecen xornadas de menor duración para formar a persoas acompañantes, necesarias para a transformación de grande cantidade de alimentos. Ata a actualidade fixeron este curso 40 persoas.
A día de hoxe o centro da Fusquenlla está a preparar novas accións formativas e todas aquelas persoas interesadas deben inscribirse cubrindo o seguinte formulario en liña.
Con apoio técnico da Deputación da Coruña, da Consellaría do Medio Rural e doutras entidades especializadas preténdese ofrecer unha programación estable de cursos arredor da transformación de produtos do agro, cunha visión innovadora e centrada na calidade.
En definitiva, desde A Fusquenlla favorecese a posta en marcha de novas iniciativas que potencien o aproveitamento dos nosos recursos e a creación de emprego sostible no rural.
Visitas guiadas á Fusquenlla
O vindeiro sábado 23, coincidindo coa feira de Moeche ponderase disfrutar de visitas guiadas nas instalacións da fusquenlla. Na Nave do Mercado estará instalado un posto informativo onde os interesados poderán anotarse a dous percorridos guiados, un ás 11:00h e outro ás 12:00h.
Para máis información sobre o programa de difusión do centro consulta www.afusquenlla.gal