O espazo de traballo colaborativo Coworking Pobra constitúese como un espazo físico de titularidade pública municipal para a promoción do emprego e o autoemprego.
Segundo o informe GEM (Global Entrepreneurship Monitor) de 2022/2023, nos últimos tres anos, a ambición das motivacións para emprender diferencia a homes e mulleres. En 2022, tres de cada catro emprendedores seguen afirmando que emprenden para gañarse a vida porque o traballo escasea, aínda que pouco a pouco aumenta a porcentaxe de emprendedores que considera outros motivos como marcar unha diferencia no mundo ou crear riqueza. Aínda que os homes seguen estando máis motivados para crear riqueza a través das súas iniciativas emprendedoras que as mulleres, as emprendedoras manteñen a motivación de emprender para marcar unha diferencia no mundo, que non se ve reducida nos anos de pandemia coma no caso dos homes.
As mulleres emprendedoras seguen a ser algo máis proclives a priorizar o impacto social e medioambiental das súas iniciativas emprendedoras que os homes, un comportamento que tamén cambia en función da Comunidade Autónoma de procedencia.
Os factores psicosociais e as inseguridades que moitas veces teñen as mulleres para asumir riscos, requiren dun asesoramento específico que transmita seguridade e reforce a súa autoestima de cara ao emprendemento. En moitas ocasións observamos que detrás de moi boas ideas, existen factores limitantes que deben abordarse aplicando a perspectiva de xénero no asesoramento.
Campus de Emprendemento con Perspectiva de Xénero
Por iso, desde o Coworking A Pobra, consideramos importante ofrecer un tipo de apoio adaptado ás circunstancias da persoa emprendedora, prestando atención aos factores sociais, familiares e persoais que limitan a capacidade emprendedora, especialmente a das mulleres.
Esta foi a reflexión de partida para organizar en 2022 un Campus de Emprendemento con Perspectiva de Xénero, que contemplaba un encontro de mulleres emprendedoras no espazo de formación do Coworking A Pobra e a organización de visitas didácticas a unha serie de empresas de éxito da comarca lideradas por mulleres, co obxectivo de crear unha rede de motivación e apoio onde as empresarias puideran estimular e animar ás emprendedoras a asumir o risco de emprender cando se conta cunha boa idea de negocio e capacidade de traballo.
Esta foi a reflexión de partida para organizar en 2022 un Campus de Emprendemento con Perspectiva de Xénero, que contemplaba un encontro de mulleres emprendedoras no espazo de formación do Coworking A Pobra e a organización de visitas didácticas a unha serie de empresas de éxito da comarca lideradas por mulleres, co obxectivo de crear unha rede de motivación e apoio onde as empresarias puideran estimular e animar ás emprendedoras a asumir o risco de emprender cando se conta cunha boa idea de negocio e capacidade de traballo.
A importancia do contexto para adaptar o apoio
1. Contexto socioeducativo
O proceso de socialización diferencial ao longo dos anos, atribuíu ás mulleres a función social do coidado, mentres que aos homes unha función social estreitamente vinculada coa obtención de recursos. Isto colocou a mulleres e homes en posicións diferentes e moitas veces desiguais na sociedade.
Así, os homes articulan os seus proxectos de vida en torno ao emprego e alta dispoñibilidade para o mesmo, ao que se engade a obtención non só de cartos, senón de prestixio e recoñecemento. A súa forma de facer e comportarse son a medida ou patrón de actuación, e a interiorización por mulleres e homes dese patrón, fai que sexa a fórmula de intervención habitual.
Como consecuencia, as mulleres desempeñan postos de traballo de máis baixo nivel, en actividades moi derivadas do coidado e da súa actividade doméstica (saúde, educación, atención a persoas dependentes, administración…), mentres que os homes seguen a ser maioría en postos de dirección, actividades vinculadas á tecnoloxía, transporte, enerxía, construción…
2. Contexto psicosocial
A educación diferencial tamén ten consecuencias psicosociais nas mulleres á hora de emprender.
A carga de traballo na súa vida cotiá, responde na maioría dos casos a ter que asumir unha dobre xornada e problemas para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, o que ten uns efectos negativos na saúde, como poden ser o descoido pola vida persoal e/ou o illamento social.
A presión social e familiar acaba xerando unha autopercepción negativa sobre as propias capacidades e aptitudes para emprender e liderar equipos, un sentimento de culpa e responsabilidade e maior medo ao fracaso e ao risco. Esta presión pode derivar en falta de autoestima e sensación de soidade, o que ocasiona uns límites ou barreiras psicolóxicas nas mulleres á hora de emprender.
3. Tipoloxía empresarial
Con respecto ás circunstancias nas que se emprende, cando as condicións do mercado laboral son tan limitantes para as mulleres, as iniciativas adoitan responder á busca de autoemprego ou emprendemento por necesidade, sen grandes ambicións nin unha estratexia de crecemento meditada e planificada a longo prazo.
Ademais, dado que en moitas ocasións se carece de experiencia laboral ou se a hai é de baixa cualificación e/ou remuneración as posibilidades de contar con aforros para emprender son moi limitadas.
Con respecto ao acceso a crédito para financiar a empresa, a presión que exerce a responsabilidade familiar limita aínda máis a capacidade de asumir riscos solicitando crédito a terceiras persoas ou entidades bancarias, polo “medo a poñer en risco o patrimonio familiar”.
Derivado do anterior e tendo en conta a socialización e educación diferenciada, as empresas creadas por mulleres, en liñas xerais, son máis pequenas e están concentradas en determinados sectores que adoitan carecer de base tecnolóxica, motivo polo que é importante promover as vocacións nas áreas STEM entre as mulleres.
Tendo en conta os ámbitos de emprendemento e o reducido tamaño das empresas, o nivel de vulnerabilidade empresarial é moi alto durante os primeiros anos e o impacto e visibilidade é baixo, o que acaba xerando a atomización empresarial das iniciativas lideradas por mulleres.
Ante unha menor supervivencia deste tipo de negocios e a falta de referentes femininos no emprendemento en sectores tradicionalmente masculinizados, o medo ao fracaso por parte das emprendedoras é maior e, polo tanto, é urxente actuar sobre as causas para producir cambios do nivel individual ao estrutural, e do local ao global.
Esta diagnose xeral sobre o contexto para emprender, fai necesario aplicar a perspectiva de xénero á hora de acompañar ás persoas emprendedoras que chegan buscando apoio. Este enfoque é un dos elementos diferenciadores do Coworking da Pobra que queremos compartir coa Rede Provincial de espazos de traballo, para transmitir a nosa experiencia, así como deseñar e organizar actividades dirixidas a mulleres emprendedoras (preincubación) e implicar a empresarias usuarias dos coworkings (incubación).